17/6/12

POEMAS SOBRE ESTRUTURAS




Capela de San Miguel (Celanova)
Esta actividade ten o seu punto de partida en dous poemas de Celso Emilio, "Eu en ti" e "Os ratos" O xogo agora consiste en baleirar eses poemas do seu contido pero conservando a estrutura, feito isto, enchémolos de novo pero con outros substantivos, outros adxectivos e verbos tamén diferentes. O poema resultante pode mudar de temática ou seguir na mesma liña, déronsenos os dous casos como podedes ver.

"Muller" Vidal Souto


Ti e mais eu

Ti xa me viches
cando a árbore era unha semente pequena
cando os nenos encontraban os seus xoguetes
Ti xa me viras.

Eu xa te seguín
no final do mundo e do ceo
cando o paxaro necesitaba compañía
eu xa te seguía.

Ti xa me falaches
cando só o canto dos animais se escoitaba
cando o ruído non existía aínda
ti xa me falaras.

Eu xa te quixen
cando a morte non asombraba
cando as estrelas non alumeaban
eu xa te quixen.

Sempre.
Ata que arda o ceo.
Ti, na miña alma.
Antón Seoane (2º ESO E) 


 "Abrazo" Fernando Prieto


O amor é unha cousa que te impulsa,
unha cousa que mora nos corazóns
e ten os sentimentos brillantes
e unha entrada de pedra sempre aberta.

Unha cousa que vai entrando ás tentas,
ocorre de súpeto, mírate, chama, quédase.
o amor é unha cousa que doe, 
un segundo só, despois xa non para,
pisa   nas partes endebles do sentir.

O día é unha cousa perfecta
para as emocións, felices amores sen medo.

O amor é unha cousa que alivia,
desordenando sempre, sempre correndo,
berrándolles aos outros que pasan,
quebrándote todo,
fuxindo rápido,
sempre con agobios, camiñando sempre,
móvese, chouta, busca nos recunchos,
nas cortinas das sensacións,
no padal das emocións, 
nos lagos,
nas fontes,
no aire,
nas cabezas da xente.

Tamar Rguez (2º ESO E)


 
Fuco Buxán (1967), Xosé Luís de Dios
E agora con esta imaxe tirada de Ourensanía damos por finalizados os nosos exercicios-homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no ano que se conmemora o centenario do seu nacemento e os cincuenta anos da publicación de Longa noite de pedra. O cadro do noso paisano Xosé Luís de Dios está inspirado no personaxe do poeta de Celanova, deixámosvos aquí a "Carta a Fuco Buxán"
Seguro que Marcos Valcárcel nos cedería gustoso a imaxe do seu blog.

1 comentario:

  1. Xa creaches un estilo. Xa me afixen a encontrar pintura nosa no teu blog.
    A Marcos xa non o temos entre nós pero quedáronnos os seus traballos e facer uso deles é lembralo e revivilo. Non che parece?

    ResponderEliminar