25/4/12

V+5 A+3



De blogsdelagente.com


Seguramente todos coñecedes o poema "Deitado frente ao mar", quizais o texto en defensa da lingua que se popularizou máis. Védeo, se non, na selección de textos de Celso Emilio Ferreiro coa que estamos traballando na conmemoración do seu ano.  Pois ben, uns trasnos puxéronse a xogar con este texto, pero con certas regras. Chámase este xogo V+5 A+3. Consiste en coller os verbos dos poemas, localizalos nun dicionario e substituílos polo que apareza en quinto lugar, a partir do localizado. A operación é identica para os adxectivos, pero neste caso cada adxectivo será substituído polo que apareza en terceiro lugar. O resultado é un tanto disparatado, pero iso é xustamente o que buscaban os trasnos.


 
DELETREADO FRENTE AO MAR

Lingoa promotora do meu pobo,
eu farfálloa por que sí, porque me gralla,
porque me peterrexa e quinto e me debae a gaña
porque me salmoira de dentro, aló do fondo
dunha tristura acerbaixana que me abrillanta
ao versificar tantos patufos desmemoriados,
perdularios mequetrefes sin raíces
que ao postergar a garabata xa non sacoden
farfallar a fala nai,
a fala dos abós que testamos mostradores,
e serrar, co rostro escabroso,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Eu farfálloa porque sí, porque me gralla
e quinto estear cos meus, coa xente miocena,
perto dos homes  bolsistas que supeditan longo
unha historia contaminante noutra lingoa.

Non farfallo pra os sobreditos
non farfallo para os rumorosos e poeirentos
non farfallo para os firmes
non farfallo para os etílicos
non farfallo para os valetudinarios
que farfallo para os que alagan rexamente
mentiras e inxustizas de cotío.
Para os que subliñan e choven
un pranto craso de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos nubosos.
Eu non podo arreitar as miñas verbas
de tódolos que supeditan neste mundo.
E ti vociferas no mundo terra miocena,
berce da miña estirpe,
Galicia, dócil mágoa das Españas,
deletreada rente ao mar, ise camiño…

                                                                                       Alumnos de 2ºESO A

17/4/12

CONTOS DO MUSEO

 


Cada dous anos en 2º ESO lemos Contos do museo, catro interesantes relatos que pretender fundir a realidade do museo, do seu edificio ou dalgunhas obras expostas coa ficción dos relatos. Os títulos son "Visita nocturna" de Xabier P. Docampo, "A serpe de pedra" de Agustín Fdez Paz, "Un paxaro posible " de Paco Martín e "Un trasno do museo no Tour de Francia" de Xosé Miranda. O libro vai acompañado de fermosas ilustracións de Xoán M. Balboa, Alejandro Carro, Macía e Paco Pestana.
É unha maneira diferente de visitar un museo que esperamos sexa do agrado de todos. Xa contaredes as vosas experiencias.


De lugo-virtual.com

O museo é, en parte, un antigo convento franciscano que foi rehabilitado e un  edificio anexo de nova construción.
Ten un refectorio e, se non nos engana Inés, a protagonista do primeiro relato, alí poderemos admirar a bóveda, o ledoiro, a piedade, etc. Visitaremos logo a cociña con esa cheminea onde, sempre segundo Inés, pode agocharse unha persoa. Dende o telladiño desta cociña mexáballes o trasno de "Un trasno do museo ..." ás parellas. Outra teima que tiña o tal Berbenbexo era mexarlles desde un telladiño que hai traseiro no museo (é o telladiño da cociña e a cheminé) ás parellas que ían facer alí as súas cousas.(P. 114)



xn--espaaescultura-tnb.es
Nesa cociña tamén debe haber un escano (banco con mesa incorporada ás veces)

Este convento ten un claustro, chamado de San Francisco e no medio debería ter un pozo. Sóavos isto de algo? Efectivamente, a ese claustro e a ese pozo faise referencia en "Visita nocturna" e en "Un paxaro posible". Aí veremos os reloxos de sol. A protagonista do primeiro relato menciónaos, especialmente o da muller. Escudos, estelas funerarias, sartegos descansan tamén aí.Vou fóra... O claustro... Reloxos de sol... Hainos ben bonitos... Este da muller é o que máis me gusta... Escudos... dos das casas...Como se chamaban esas pedras? Estelas funerarias. (Pp 28-29)


De vigoenfotos.com

E no vestíbulo eses mobles con tantos caixonciños que chaman bargueños.



Xa no interior deberemos prestar atención aos mosaicos, sobre todo o de Parsífae,nai do Minotauro. Vou para dentro....... Máis santos... E cousas relixiosas... Sigo....... Os mosaicos... Isto si que me gusta a min... Este, este... Parsífae, que era irmá de Circe, foi a nai do Minotauro. (P.29)

 Na escaleira estará a imaxe de San Francisco de Asorey. Ante ela rezaba o pobre frade "tatuado".




Arriba prehistoria, estará "A serpe de pedra"?. E os torques (doazón de D. Álvaro Gil) Un ano Álvaro Gil doou os seus torques ao museo de Lugo, e alí os puxeron nunha sala especial (P.113); as arracadas (especie de colgantes), moedas, etc.






 
 Apartado especial merecen os cadros: Castelao, Laxeiro, Xulia Minguillón coa "Escola de Doloriñas"


De vaqueiro.galiciae.com

Entre os cadros atoparemos o da muller maior co paxaro que impresionou os rapaces de "Un paxaro posíbel"? O paxaro estaba na pintura e acababas fixándote nel porque era o único que alí podía significar unha miguiña de liberdade. (P.97)E tamén o cadro da muller núa de Antonio Fernández e o retrato do autor que observaba o trasno facer das súas no último relato. Un dos trasnos, ao que chamaban Berbenbexo, adoitaba ir tocar as tetas dunha muller núa que hai pintada nun cadro do pintor Antonio Fernáncez, que amosa redondas e apetitosas. (P. 113)

Esperemos que isto axude na vosa visita ao museo. Boa viaxe!

11/4/12

OBRADOIRO DE ESCRITA

By Escribaniaglez

Un pouco por casualidade e por outras razóns que non veñen ao caso este ano iniciamos un obradoiro de escrita en 2º ESO. Por outro lado e ao igual que outros compañeiros e compañeiras do IES Blanco Amor queriamos participar cos nosos traballos nas actividades que, no ano de Celso Emilio, se facían no centro así que xuntamos ambas as cousas e  puxemos en marcha un obradoiro que, sempre que pode parte de textos do poeta de Celanova. Estas son as nosas aportacións. Grazas a todos.

Iniciamos a tarefa traballando con estruturas chave como lémbrome ou gústame /non me gusta. Foi difícil decidírnos por un ou outro texto pero aquí temos dúas propostas que nos pareceron interesantes.


LÉMBROME


De artesanum.com
Lémbrome daquelas mañás soleadas de verán cando miña nai me espertaba para ir almorzar.
Lémbrome de cando quedaba durmida no sofá e milagrosamente espertaba na miña cama.
Lémbrome dos bicos do meu pai antes de marchar de viaxe.
Lémbrome de cando miña irmá aínda só estaba a uns poucos metros de min … e pensar que agora nos separan tantos quilómetros.
Lémbrome  cando marchou e a semana que pasei erguéndome ás oito da mañá e indo á súa habitación por se volvera.
Lémbrome de cando naceu a miña curmá, ollos azuis, cabelo dourado, como podemos ser familia, unha coma a neve e outra coma o carbón?
Lémbrome do meu primeiro día de colexio, tamén lembro o día en que meu avó afeitou o bigote e me asustei porque pensaba que aquel señor non era nada meu.
Lémbrome de cada noite, cando sabía que volvía o meu pai, en que esperaba esperta para asegurarme de que me daba as boas noites.
Lémbrome da primeira vez que entrei nunha piscina, o que me gustou!
Lémbrome de cando no colexio tiña natación, que ben o pasaba.
Lémbrome de min e da miña irmá no chan da súa habitación, xogando ás bonecas, ela vestíaas, peiteábaas e eu inventaba dramas peores ca calquera telenovela con elas.
Lémbrome do can do meu tío, máis ben un cabalo, negro e, sobre todo, o terror que lles teño aos cans.
Lémbrome de moitas cousas bonitas, demasiadas para escribilas.
                                                                              Sara Vázquez 2º ESO E


GÚSTAME/ NON ME GUSTA

Imaxe de tnchampiom.blogspot.es

Gústanme os cans, os gatos, os cabalos, vacas, focas, golfiños, polbos, rapazas, non necesariamente nesa orde.
Os doces, o mar, nadar,bucear, bailar, cantar só na ducha, o espazo, os cómics, facer parkour...
Nunha tarde de verán coller a bici sen rumbo, o verán, pero tamén o inverno, ler libros, xornais, as vacacións, os bebés, escoitar historias dos meus avós, viaxar, coñecer xente.
Non me gusta mancarme, rezar, fumar, ver os meus amigos tomar alcol, as noticias malas, a primavera, os luns, as clases, sentirme prisioneiro, o machismo, o feminismo, o sexismo o maltrato de persoas e animais, o racismo, os eufemismos, ver a rapaza que me gusta co noivo, gnomos, princesas, príncipes e demais... A crise, que perda o Real Madrid, os anuncios, as películas de amor, loqueiros, psicólogos e xogos  de exercitar a mente, os pesadelos...

David Zuaznábar 2º ESO E
 By Yearfthedragon


En realidade este blog abriuse hai un tempo e con outras intencións ben diferentes ás que temos agora, pero en fin, as cousas cambian, e agora necesitaba unha ventá pola que ollasen os vosos traballos, xa está ben de andar de okupa. Así que fixemos limpeza e alá imos. A ver que nos sae.