5/10/12

"A TRISTEZA NON REMATARÁ XAMAIS". Aproximación á figura de van Gogh

Este curso en 3º de ESO temos como lectura da 1ª avaliación O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro, novela histórica que xira en torno á figura de Vincent van Gogh. Hai  sobre esta  obra traballos moi interesantes na rede. Vede por exemplo o de  Revolta da freixa ou o de Montse Pena.
Nós só imos deixar unha pequena anotación biográfica achegándovos a figura deste afamado pintor, unha personalide sensíbel e apaixonada ata os extremos, que proxectaba esta paixón sobre  calquera empresa que emprendía xa fose amorosa, artística ou solidaria: "Para el só había dúas cousas que pagaran a pena nesta vida miserenta: a humanidade e a arte.. A arte era o que el amaba por enriba de todo.. e o que o fará vivir de novo e ficar connosco para sempre" (p. 172). A súa vida foi unha acumulación de fracasos no persoal e no profesional, só a historia lle restituíu o lugar que lle correspondía como representante do impresionismo e como precursor de tendencias  de inicios do século XX como o fauvismo ou o expresionismo. "Eu vira pintores en París... que eran todo calma e cerimonia cando pintaban. Este non cumpría con tales procederes; semellaba que mantivese unha loita desesperada co lenzo" (p. 20)





Autorretrato con sombreiro de feltro, 1887

VINCENT VAN GOGH

(Países Baixos, 1853 – Auvers-sur-Oise, 1890)

Era o máis vello dos seis fillos dun pastor protestante. A pesar de que só se dedicou á pintura nos últimos dez anos da súa vida, é un dos pintores máis famosos de todos os tempos. Nesa década pintou máis de 800 cadros e máis de 1000 debuxos, acuarelas e litografías. É un dos máximos representantes do postimpresionismo. Curioso é tamén que en vida só vendeu un cadro.

Dende moi novo desenvolve unha relación especial co seu irmán Theo que será o seu  apoio emocional e económico sempre.

Antes de entregarse totalmente á pintura traballou na Haia nunha empresa adicada ao negocio das obras de arte e que fora fundada por un tío seu.

O seu carácter difícil explica os sucesivos traslados no negocio: Bruxelas, Londres e París. En Londres produciuse a súa primeira crise psíquica motivada polo rexeitamento da filla da patroa da casa na que vivía, Úrsula Layer, de quen se namorara perdidamente. Este será o primeiro de varios fracasos amorosos. En Londres tamén se sitúa o inicio da súa etapa como creador. A deterioración física e psíquica foi tal que foi trasladado á oficina de París por un período de tres meses.

En 1879 sentiu repentinamente a vocación relixiosa e converteuse en misioneiro evanxelista na comarca mineira de Borinage, en Bélxica. A vida de miseria e a falta de sono por pasar as noites coidando os enfermos fixeron que enfermase. Seu pai levouno para a casa e a partir deste momento a pintura será a súa verdadeira paixón. "- Un devanceiro meu chegou a bispo e houbo un tempo en que  eu mesmo prediquei a palabra de Deus entre uns coitados mineiros."  (p.62)
 
É un pintor autodidacta, poucas leccións de pintura recibiu, aprendeu visitando museos, escoitando consellos de amigos artistas e sobre todo adicándose por enteiro á pintura.

Despois dun breve paso por Bruxelas, en 1881 Vincent regresa á casa paterna, alí sofre outro desengano amoroso ao ser rexeitado pola súa curmá Kee Vos, o que o leva a queimar incluso unha man.
En 1885 morre seu pai dun infarto, neste momento pintou a que é considerada a súa primeira obra, Os comedores de patacas.


  
Posteriormente trasladarase a París onde coñecerá a Toulouse-Lautrec, Pissarro e Gaugin, a quen admirará profundamente; nesta etapa a súa pintura adquirá os rasgos definitorios.
En 1888 instálase no sur de Francia, en Arles, alí alugará a famosa "casa amarela", á que invitou a artistas admirados por el e onde Gaugin pasaría dous meses. Mentres preparaba a chegaba do seu amigo decorou toda a casa con xirasoles.

 A casa amarela, 1888
Pero a convivencia entre ambos os pintores tórnase imposíbel, Vincent bebe demasiado e as crises sucédense. O 23 de decembro dese ano discuten e Van Gogh ameaza a Gaugin cunha navalla de afeitar. Este, asustado, marcha a un hotel e Vincent, arrepentido, decide cortar o lóbulo da orella dereita e faillo chegar a Gaugin en sinal de arrepentimento.


Autorretrato con orella cortada, 1888
No 1890 volve ser internado. Hai varias teorías sobre cal sería a súa doenza pero crese que o máis probábel é que fose algo de tipo conxénito (varios dos irmáns de Vincent tiveron tamén problemas mentais), agravado polo seu problema de alcolismo.
No hospital recibe a noticia de que seu irmán vai ser pai e que el será o padriño da criatura, algo que o enche de emoción, pero algo así non consegue tiralo do seu estado de depresión e melancolía. En maio traládase a París para visitar a seu irmán e por consello deste viaxa tres días despois a Auvers-sur-Oise, onde foi sometido a un tratamento polo doutor e pintor afeccionado, Paul Gachet. Nesta aldea pintou máis de 800 cadros e o seu estilo evoluíu cara unha pintura  máis expresiva de formas imprecisas e cores brillantes.

Dous meses máis tarde, e aínda que o doutor pensa que está curado, o seu ánimo non mellora, agóbiase polo seu fracaso persoal e por ser unha carga para seu irmán. Nesta situación de angustia o 27 de xullo de 1890 dispárase un revólver e aínda que non morre inmediatamente,  acaba falecendo. Curiosamente Theo morre seis meses despois e os restos de ambos os irmáns repousan no cemiterio de Auvers-sur- Oise.
" -É inútil Theo, a tristeza non rematará xamais...
Falaron  en holandés e eu imaxinei que lembraban a infancia na parroquia do pai: as carreiras polo camposanto, a asistencia aos oficios, ir levantar patacas cos labregos, a  macabra descuberta daquela tumba co nome de Vincent gravado na pedra"  (p. 167)

Quizais o colofón máis axeitado para estas pequenas notas biográficas sexa un cadro; este é sen dúbida un dos máis coñecidos, A igrexa de Nosa Señora, ademais temos a inmensa sorte de que na novela, autor do lenzo e narrador conversan sobre el. Non haberá seguro mellor nin máis fermosa explicación.
  
"Vincent pasou o día perante a igrexa da Nosa Señora. Nada máis chegar deu varias voltas ao seu redor antes de deterse a contemplala, estudando devagar o campanario, a fachada, as cristaleiras e os rexos muros de pedra...
- ... azul profundo, cobalto puro, ultramar, violeta, laranxa...
- O que non entendo é por que pinta a igrexa pola traseira...
- Porque ás veces na traseira das cousas, como no interior das persoas, atópase o máis fermosos delas. Tendemos a quedarnos co aparente, co primeiro ollar, sen afondar, sen ir máis alá dos prexuízos do noso propio ollar...
Vincent pintaba agora perante a igrexa unha figura dunha paisana cunha estraña vestimenta...
- E iso?
...
- É unha pequena homenaxe.
- A quen?
- Á miña benquerida nai, Anna. Por iso leva touca, coma as labregas holandesas da miña mocidade, como se entrase agora na igrexa onde celebraba o finado do meu pai en Nuenen" (pp. 59, 60,61)