1/6/12

ACRÓSTICOS

Obrigados a Nádia D.
Un acróstico é unha composición en que as letras iniciais dos versos ou das oracións lidas en vertical compoñen unha palabra ou frase. Nós tamén quixemos probar a facer acrósticos, pero complicamos un pouco a cousa, fixemos acrósticos cuxos versos eran centóns Os versos dos centóns eran de Celso Emilio, iso si, para o z, tivemos que collérllelos emprestados, nestes dous exemplos,  a Xulio L. Valcárcel e  a Marta Dacosta. Isto é unha mostra de como se nos deu.




Castiñeiro do val Castelao
Pombas de luz e xílgaros de soños,     
era igual que nomear a primavera,
decir libertá non era triste.
I agora penso eu,
mentiras e inxustizas de cotío,
o corazón da xente
sin os doces segredos das violedas.
Anda un terror de auga fría,
paraliza os relós, perfora as gorxas.
As cousas son así.
Zoa o vento.





Francisco J. Miranda (2º ESO E)

Versos tirados dos seguintes poemas: “O reino”, “Crónica da coca-cola”, “Deitado rente ao mar”, “Nai”, “María Soliña”, “O can danado”, “Os ratos” , de Celso Emilio e “Espacio branco” de Xulio L. Valcárcel.





Pasaba o xornaleiro asubiando
e dous ollos de vidro sempre acesos,
Deus estaba con el,
I eu era un vagalume, unha estreliña
máis alá das sabanas e das illas.
O que ha de vir chegará
sobre a fronte dos homes temerosos.
A noite que é un burato sen orelas
podía escorrentar tan grande medo,
ateigada de luz polas vereas
zugarnos a vontade.

Sara Vázquez (2º ESO E)

Versos tirados de “O medo”, “Os ratos”, “Nai”; “Irmaus”, “Son un pasmón”, “O can danado” de Celso Emilio e “Non é amor” de Marta Dacosta.
 Deixámosvos como agasallo final os poemas de Xulio L. Valcárcel e Marta Dacosta, sen eles o zeta sería imposíbel.

"Non é amor"
Pobre Ofelia
cristalizada estás no sangue da loucura
e gardas baixo as unllas a carne do covarde,   
como un berro atroz que nos convoca.
Os teus ósos,
espadas de cristal
contra a fame caníval
de posuírnos,
de beber a nosa alma,
zugarnos a vontade,
dobregarnos ao río do delirio.

Ofelia,
pequena Ofelia
non se sacia a sede do covarde.

Marta Dacosta 

"Paisaxe" Ovidio Murguía Castro



"Espacio en branco"

Vento, vento, vento...

O vento.
O vento,
soa lonxe o vento. 
                                                                      O merlo.                                                                     
O merlo,
paxaro sen tempo.

                                                           Lonxe. Lonxe...                                                           
Soa lonxe,
no corazón do vento.

                                                                  Canta o merlo                                                                        

sobre o cristal
do inverno.

Sen tempo o vento.
O vento zoa sen tempo.

O vento. O merlo.
Zoa o vento.
Canta o merlo.

Dentro,
un neno.

Xulio L. Valcárcel


1 comentario:

  1. Únome á petición da paz. Creo que os poemas, aínda que son centóns, están ben cosidos. Parabéns!

    ResponderEliminar