22/6/12

TRES, DOUS, UN... ACABOUSE!

"praia do forte" Francisco Eduardo

Por fin vacacións! Como berrabades o xoves ás dúas da tarde! Eu non, porque á fin e ao cabo... pero a miña alegría non era menor cá vosa. Grazas por todo e sobre todo polo voso entusiasmo ante calquera cousa que se vos propuxera, xa fose venres e vos pillase cansos ou á última hora da mañá con fame. Que pasedes un bo verán que ben o merecedes. Prometinvos que ían ir saíndo publicadas  as vosas creacións e vou cumprir a miña palabra, pero pouquiño a pouco, como todas as cousas boas. 

17/6/12

POEMAS SOBRE ESTRUTURAS




Capela de San Miguel (Celanova)
Esta actividade ten o seu punto de partida en dous poemas de Celso Emilio, "Eu en ti" e "Os ratos" O xogo agora consiste en baleirar eses poemas do seu contido pero conservando a estrutura, feito isto, enchémolos de novo pero con outros substantivos, outros adxectivos e verbos tamén diferentes. O poema resultante pode mudar de temática ou seguir na mesma liña, déronsenos os dous casos como podedes ver.

"Muller" Vidal Souto


Ti e mais eu

Ti xa me viches
cando a árbore era unha semente pequena
cando os nenos encontraban os seus xoguetes
Ti xa me viras.

Eu xa te seguín
no final do mundo e do ceo
cando o paxaro necesitaba compañía
eu xa te seguía.

Ti xa me falaches
cando só o canto dos animais se escoitaba
cando o ruído non existía aínda
ti xa me falaras.

Eu xa te quixen
cando a morte non asombraba
cando as estrelas non alumeaban
eu xa te quixen.

Sempre.
Ata que arda o ceo.
Ti, na miña alma.
Antón Seoane (2º ESO E) 


 "Abrazo" Fernando Prieto


O amor é unha cousa que te impulsa,
unha cousa que mora nos corazóns
e ten os sentimentos brillantes
e unha entrada de pedra sempre aberta.

Unha cousa que vai entrando ás tentas,
ocorre de súpeto, mírate, chama, quédase.
o amor é unha cousa que doe, 
un segundo só, despois xa non para,
pisa   nas partes endebles do sentir.

O día é unha cousa perfecta
para as emocións, felices amores sen medo.

O amor é unha cousa que alivia,
desordenando sempre, sempre correndo,
berrándolles aos outros que pasan,
quebrándote todo,
fuxindo rápido,
sempre con agobios, camiñando sempre,
móvese, chouta, busca nos recunchos,
nas cortinas das sensacións,
no padal das emocións, 
nos lagos,
nas fontes,
no aire,
nas cabezas da xente.

Tamar Rguez (2º ESO E)


 
Fuco Buxán (1967), Xosé Luís de Dios
E agora con esta imaxe tirada de Ourensanía damos por finalizados os nosos exercicios-homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no ano que se conmemora o centenario do seu nacemento e os cincuenta anos da publicación de Longa noite de pedra. O cadro do noso paisano Xosé Luís de Dios está inspirado no personaxe do poeta de Celanova, deixámosvos aquí a "Carta a Fuco Buxán"
Seguro que Marcos Valcárcel nos cedería gustoso a imaxe do seu blog.

1/6/12

ACRÓSTICOS

Obrigados a Nádia D.
Un acróstico é unha composición en que as letras iniciais dos versos ou das oracións lidas en vertical compoñen unha palabra ou frase. Nós tamén quixemos probar a facer acrósticos, pero complicamos un pouco a cousa, fixemos acrósticos cuxos versos eran centóns Os versos dos centóns eran de Celso Emilio, iso si, para o z, tivemos que collérllelos emprestados, nestes dous exemplos,  a Xulio L. Valcárcel e  a Marta Dacosta. Isto é unha mostra de como se nos deu.




Castiñeiro do val Castelao
Pombas de luz e xílgaros de soños,     
era igual que nomear a primavera,
decir libertá non era triste.
I agora penso eu,
mentiras e inxustizas de cotío,
o corazón da xente
sin os doces segredos das violedas.
Anda un terror de auga fría,
paraliza os relós, perfora as gorxas.
As cousas son así.
Zoa o vento.





Francisco J. Miranda (2º ESO E)

Versos tirados dos seguintes poemas: “O reino”, “Crónica da coca-cola”, “Deitado rente ao mar”, “Nai”, “María Soliña”, “O can danado”, “Os ratos” , de Celso Emilio e “Espacio branco” de Xulio L. Valcárcel.





Pasaba o xornaleiro asubiando
e dous ollos de vidro sempre acesos,
Deus estaba con el,
I eu era un vagalume, unha estreliña
máis alá das sabanas e das illas.
O que ha de vir chegará
sobre a fronte dos homes temerosos.
A noite que é un burato sen orelas
podía escorrentar tan grande medo,
ateigada de luz polas vereas
zugarnos a vontade.

Sara Vázquez (2º ESO E)

Versos tirados de “O medo”, “Os ratos”, “Nai”; “Irmaus”, “Son un pasmón”, “O can danado” de Celso Emilio e “Non é amor” de Marta Dacosta.
 Deixámosvos como agasallo final os poemas de Xulio L. Valcárcel e Marta Dacosta, sen eles o zeta sería imposíbel.

"Non é amor"
Pobre Ofelia
cristalizada estás no sangue da loucura
e gardas baixo as unllas a carne do covarde,   
como un berro atroz que nos convoca.
Os teus ósos,
espadas de cristal
contra a fame caníval
de posuírnos,
de beber a nosa alma,
zugarnos a vontade,
dobregarnos ao río do delirio.

Ofelia,
pequena Ofelia
non se sacia a sede do covarde.

Marta Dacosta 

"Paisaxe" Ovidio Murguía Castro



"Espacio en branco"

Vento, vento, vento...

O vento.
O vento,
soa lonxe o vento. 
                                                                      O merlo.                                                                     
O merlo,
paxaro sen tempo.

                                                           Lonxe. Lonxe...                                                           
Soa lonxe,
no corazón do vento.

                                                                  Canta o merlo                                                                        

sobre o cristal
do inverno.

Sen tempo o vento.
O vento zoa sen tempo.

O vento. O merlo.
Zoa o vento.
Canta o merlo.

Dentro,
un neno.

Xulio L. Valcárcel