27/5/13

NEGREIRA - OURENSE E OURENSE - NEGREIRA






Ourense, que acostuma máis ben a abafar de calor os seus visitantes, mollou, e ben mollados, os nosos amigos de Negreira que nos visitaron a principios de maio. Por suposto a nós tamén, que non distingue propios de estraños.




Ignacio e Daniel recolleron por escrito as súas impresións dese día en que a climatoloxía nos foi tan adversa.






Un luns de principios de maio produciuse a primeira parte do intercambio entre Negreira e Ourense no que participaban o IES Blanco Amor e o IES Xulián Magariños.
O primeiro encontro cos rapaces de Negreira pareceunos un pouco distante, xa que só os coñeciamos de manter algunha que outra conversa mediante algunha rede social. Este encontro produciuse na ponte romana e dende aí partimos cara ao Campo da Feira. Neste percorrido déronse os primeiro acercamentos entre os rapaces e rapazas de ambos os institutos.
No Campo da Feira comemos o bocadillo nun sitio cuberto con mesas e bancos. Cando acabamos de comer uns rapaces comezaron  a falar, outros xogaban ás cartas ou ao balón, mentres agardabamos que acabasen de comer as profesoras. Cando elas chegaron, comezamos a ruta cara ás termas, uns en bus e outros camiñando baixo a chuvia.
Ao chegarmos a Outariz houbo quen se meteu na auga quente e houbo quen quedou á recollida debaixo da ponte. De volta ao instituto xogamos os partidos de fútbol, que gañaron eles, cunha controvertida arbitraxe. 
Entregóuselles o trofeo e despedímonos con bo sabor de boca e un ata pronto.
 
Seguidamente, Carla e Marina cóntannos como foi a nosa viaxe a Negreira. As fotos que ilustran esta parte do intercambio non llas collemos emprestadas ao Sr. Google, cousa que adoitamos facer e fixemos, nestas dúas de Ourense. Non, estas son nosas, ben, nosas non exactamente, senón de Laura Araújo, pero ela, sempre xenerosa para todo, déixanos poñer que son nosas.



O martes 21 de maio fomos a Negreira. Xa na viaxe de autobús o pasamos ben. Ao chegar, o primeiro sitio ao que nos levaron foi á fábrica de leite Feiraco. Alí explicáronnos un pouco o funcionamento e deixáronnos ver como traballaban algunhas máquinas que envasaban o leite e o gardaban en caixas. Logo asistimos a unha pequena charla sobre o que acababamos de ver e contáronnos a historia da fundación de Feiraco. Ao acabar déronnos batidos e marcapáxinas. A maioría de nós nunca estivera nunhas instalacións deste tipo, así que foi unha boa experiencia.
Despois leváronnos a Ponte Maceira, cunha ponte que se pode relacionar coa nosa ponte romana. A verdade é que era un sitio moi bonito, no que o director do IES  de Negreira, que é historiador, nos explicou cousas sobre o lugar.
Máis tarde leváronnos ao instituto, onde puidemos saudar os compañeiros e tomamos uns bocadillos. Fomos logo ao concello, alí coñecemos o alcalde, ensináronnos as instalacións e agasalláronnos cunha bolsiña con información turística, xa que nestes tempos de crise é o único que nos podían ofrecer. Despois xa fomos comer cos de Negreira ao Auditorio e ao rematar tivemos algo de tempo libre para falar con eles e sacar algunhas fotos. 
E chegou a hora de camiñar, bastante por certo, a un lugar chamado "Refuxio de Covas" e ao chegar, tivemos tamén algo de tempo para falar. Ao regresar ao instituto comezaron os partidos de brilé e fútbol, que gañamos esta vez, déronnos unhas copas e chegou a hora da despedida con bicos e abrazos e de novo ao bus camiño de Ourense. Foi unha boa experiencia , pasámolo todos ben.




Non queremos deixar de dar as grazas a todos os profesores implicados nesta actividade, dun e doutro instituto, á guía de Ourense, e moi especialmente á xente de Negreira que tan ben nos trata sempre que imos alá.