22/9/13

MORADIÑA PARA O MÁIS ALÁ



Poucos metros, pero todos habitables. Soleado. Espléndidas vistas.

Ultimamente vemos con acostumada indiferenza estes rótulos en inmobles de todo tipo. Talvez sexa a primeira vez que os vedes nesta singular propiedade e mesmo haberá quen sinta calafríos no corazón ante a imaxe. Ben é certo que isto se pode interpretar como un dos múltiples efectos da crise económica, pero eu prefiro velo como unha mostra dese carácter eminentemente práctico do home galego que se manifesta tamén ante a morte. Aquí tradicionalmente atuamos a morte, nunca se agochou nin se evitou falar dela. Se a máxima aspiración dun pai era deixarlles aos fillos casa para a vida e para a morte, por que non pór no mercado ambas se se precisa? 

Quen estea interesado e queira máis detalles deberá visitar unha parroquia perto de Ourense, á beira do Miño e cunha fermosa igrexa que no século XIII xa foi mencionada nunha cantiga de romaría.