20/6/13

VIDAL BOLAÑO PARA TODOS E TODAS





Alguén me ensinou hai xa días unha pequenísima aula onde están alumnos con necesidades específicas de apoio educativo. Mostráronme uns debuxos e uns textos sobre Vidal Bolaño. Ata aquí parecía unha actividade máis das que se celebraron no noso centro, en homenaxe ao actor-dramaturgo. Seguramente xa seguistes a Marina.




Pensei que aquilo fora un traballo de Belén, a profesora destes alumnos. Nas fotografías non  o podedes apreciar ben, pero todo ten relevo, para que Melanie, unha alumna invidente puidese coma os demais coñecer o rostro de Vidal Bolaño e facerse con esa imaxe tan característica del, co seu nariz vermello. Aquí coa fita rugosa ela segue o nome do escritor e pode facerse unha idea da disposición que ten cada cousa no panel.




Pero eu estaba equivocada, Belén, o que tivo, foi unha idea marabillosa: uns explicarían aos outros o personaxe. Todos foron mestres, e Laura e Melanie, con máis dificultades cós demais, coñeceron da man dos seus compañeiros a Vidal Bolaño. 



Emocionoume a idea e quero dar  os meus parabéns a Belén e, en especial, a Ana de 1º E, ela, con trazo groso e avultado, fixo este debuxo que as mans de Melanie acariñaron. Haberá máis fermosa homenaxe?