25/10/13

MARÍA PÉREZ, A BALTEIRA



Alguén estes días mostrou certo interese pola figura de María Balteira. Realmente é das poucas mulleres con nome propio que se menciona, cando falamos de lírica galego-portuguesa e é desde logo a máis afamada. ( A virxe non conta, supoño)

Gustoume esa vosa curiosidade, porque é certo que o poder de sedución desta muller chega aos nosos días. Vede se non os fermosos versos de Uxío Novoneyra.

i entre tódalas soldadeiras sóla ti María a Balteira
 belida dos dados donda da danza a primeira

María Péres, a Balteira, non foi a rapaciña inocente, protagonista das cantigas de amigo nin a senhor altiva, protagonista da cantiga de amor. Foi unha muller de carne e óso que viviu como quixo, que non se dobregou ante o que para ela se pedía: ser esposa ou freira. Só temeu a vellez, o inferno e a morte. Curiosa personaxe!

As noticias que temos da máis sonada das soldadeiras medievais véñennos das cantigas de escarnio. Aí é pintada como prostituta de clientela varia, xogadora de dados, propagadora de doenzas venéreas, supersticiosa e medio bruxa.

Sábese que esta soldadeira nacida perto de Betanzos frecuentou as cortes de Fernando III e de Afonso X. Sábese tamén que mantivo relación con Pedro Amigo de Sevilla e Pedro D'Ambroa betanceiros coma ela.


E somus mal enganadus
todos d'esta merchandía
e nunca himus vingadus
Mays mande Santa María
que prenda hy mal joguete
o d'Ambroa que a fode.
E ela porque promete
cono, poy-lo dar non pode?

                                                                             Vaasco Pérez Pardal

Hai datos que testemuñan que pertencía á baixa nobreza e que cedeu a herdanza recibida da nai aos monxes cistercienses de Sobrado, o que unido a outros favores  prestados aos frades, lle aseguraría á soldadeira unha renda vitalicia. 



Parece que foi así mesmo a unha cruzada a Ultramar (non se sabe se unicamente con fin relixioso), o caso é que tal viaxe a fixo albo dos escarnios de Pero da Ponte.


Maria Pérez, a nossa cruzada
quando veo da terra d'Ultramar,
assi veo de perdon carregada
que se non podia con el en erguer,
mais furtan-lho, cada u vai maer,
e do perdon já non lhi ficou nada.

 Ata se di que tivo trato con mouros, por encargo de Afonso X. Co paso dos anos perde beleza e gaña medo á morte e piedade relixiosa, sobrevivindo como alcaiota e como unha vítima máis do sexismo de tantas épocas.