16/5/12

VIAXE A LUGO


Así recibía Lugo á primeira quenda de alumnos  de 2º ESO do IES Blanco Amor. Diredes, Vaia tempiño que tiveron! Nós dirémosvos que estes foron os que tiveron sorte, porque, de cando en vez, escampaba. A segunda quenda foi a menos afortunada, ese día choveu a Deus dar ata que volveron para Ourense. Con todo, tanto os que foron o primeiro día, coma os que foron o segundo concordan en que o pasaron moi ben, que lles encantou a actividade das Rutas literarias polo museo e o que viron da cidade. Grazas ás profesoras que os acompañaron: Isabel, Teresa, Avelina e Mónica, sen vós non sería posíbel.

Recollemos aquí as impresións que, da viaxe, nos deixaron algúns compañeiros. Manuel, dos que foron na 1ª quenda, foi tamén autor dalgunhas fotos, a el e a Mónica dámoslles as grazas.

Xa vedes que escampaba
A viaxe foi moi divertida e tamén interesante e, aínda  que aprendemos moitas cousas sobre Lugo e algúns dos seus monumentos, a min o que máis me gustou foi ir ao museo, alí vimos cousas que saían no libro, o claustro, por exemplo, que só nolo deixaron ver un momentiño ao saír; tamén vimos outras que non saían. Non vimos moitas salas porque tiñamos que facer unha actividade por equipos, quen tivese o menor número de erros gañaba. O bo foi que gañamos nós (Xacobe, Pablo J., Pablo L., Carlos e mais eu) Déronnos como premio "o boli da vitoria"
Tamén fomos a unha exposición audiovisual onde explicaban cousas da muralla e outros monumentos. Despois era a hora de xantar, tiñamos dúas horas e aproveitamos para seguir vendo algo máis. A pena foi que non atopamos ningunha tenda de recordos de Lugo, eu quería mercar un. Fomos tamén á catedral e algúns perdéronse e aquí como premio tiveron unha redacción sobre a catedral de Lugo que lles puxo a profesora de Sociais por perderse. Foi unha viaxe estupenda!

Manuel A. Gómez (2º ESO C)




Todos esperabamos que non chovese e iso parecía porque polo camiño ía un día espléndido, pero en canto chegamos alí, comezou a chover dunha maneira brutal.
Visitamos o Museo Provincial, o Centro Interactivo da Muralla, a catedral e logo paramos un pouco na muralla.
Ao chegar dividíronnos en dous grupos (cousa que non me gustou nada); eu fun co meu grupo ao Centro Interactivo. Estaba repleto de pantallas e ordenadores que podiamos manipular con total liberdade. Despois fomos á catedral.
A catedral é preciosa, gustoume moito, pero estaban arranxando algo e por zonas cheiraba tan mal que daban ganas de saír correndo.
Cando saímos seguía a chover e fomos cara ao museo. Estaba cheo de cousas impresionantes que non vira na miña vida: ourivería, cadros, esculturas e antigüidades fascinantes. Fixemos a actividade e enseguidiña nos tivemos que ir, aínda que eu quedara con ganas de máis. Comemos e paseamos un pouco pola muralla, pero chovía moito e collemos o autobús de volta para a casa antes do previsto.
Xenxo Vázquez (2º ESO E)

 O día, peor, non puido estar
 Ás oito e media da mañá, a miña clase, 2º A, e outros dous grupos máis partimos de excursión a Lugo. Chegamos sobre as dez e o primeiro que fomos ver foi o museo. Ao entrar, aquilo pareceume un lugar pequeno, pero despois, cando me deron un plano do edificio, para realizar unhas actividades relacionadas con Contos do museo, souben que estaba equivocada e que era máis grande do que cría. Tiña máis de vinte salas, era incrible. A actividade que nos propuxeron encantoume, foi divertidísima, consistía en responder a 22 preguntas, relacionadas cos obxectos do museo ou cun dos capítulos do libro, o que che tocase, a nós tocounos "Un trasno do museo no Tour de Francia". Tiñámolas que responder en media hora, así que deberiamos ser moi rápidos. A cousa foi que gañamos, fomos o grupo que máis respostas ben tiña e déronnos un agasallo.
Ao rematar a visita ao museo dirixímonos ao Centro de Interpretación da Muralla, onde nos divertimos con xogos interactivos. Máis tarde visitamos a catedral, moi bonita por certo.
En toda a mañá non parou de chover, pero pasámolo ben igualmente. Logo metémonos en algo parecido a unha carpa de pedra no parque, para comer e ao acabar fomos de compras. Ás catro volvemos para Ourense. O único malo foi que enfermei pola auga e o frío que pasamos.

Carla Alonso (2º ESO A)


1 comentario:

  1. Como se nota que lles gustou e que aprenderon. Aínda que lles choveu, parece que o pasaron ben.

    ResponderEliminar