16/7/12

OLLADAS


Imaxe de Male



Ata o de agora todo o que vos ofrecemos foi poesía, e aínda que estamos de acordo con quen dixo que a poesía ten a virtude de, no medio do sufrimento e o desamparo, acender unha luz,  tamén a prosa ten luz propia. É por iso que desta vez lle dedicamos o noso (pasa)tempo a ela. Coma todo, depende do momento, do lugar, do que sexa que dependa.

A foto da cuberta dun libro ten que ser unha invitación a mergullarse na lectura, pero pode ser moito máis, pode suxerir outra historia, miles de historias, tantas coma olladas se pousen nela. Aquí vos presentamos outro xogo, Blanco Amor púxonolo realmente fácil.


Imaxe de Trafegando Ronseis



Para este traballo eliximos a dunha das edicións de A esmorga por varias razóns: a súa beleza, por recoller a esencia da nosa cidade co río e as tres pontes simbólicas, por ser da autoría de Blanco Amor quen ademais dá nome ao noso instituto e porque en definitiva nos gustou. Se non sodes de por aquí dirémosvos que a varanda é a da Ponte Vella e, ao fondo, divísase a Ponte Nova e a do Viaduto. Esta é unha imaxe que vemos todos os días,  o noso barrio está dunha  beira do río, e na outra, o resto da cidade, como vedes se a alguén lle interesan as pontes é a nós. Esta é a portada e estes algúns dos resultados. 



"Bañistas no Miño"(1960) Conde Corbal

“Boas tardes, don Eduardo”

Chámome Xosé e vivo na rúa.
Vivo aquí dende xa nin me lembro, desde que non puiden pagar o alugueiro da miña casoupa e me desaloxaron. Traballaba na fundición das Lagoas, traballaba moito e cobraba pouco, coma todos, pero o suficiente para comer e pouco máis. A fundición pechou e se a miña vida non pintaba ben, sen un tellado por riba, aínda peor.


 Capela dos Remedios
alcouzo.blogspot.com
Todo o que teño lévoo posto, a pucha é nova, deuma como esmola un home máis afortunado ca min. Sempre me gustou a música, aprendín de oído de rapaz, cun músico alá na miña aldea. Este acordeón merqueino cos meus “aforros” un ano que a xente estaba ben xenerosa.
Sobrevivo tocando na Ponte Vella ou pedindo á porta da Igrexa dos Salesianos ou da Capela dos Remedios. Poderame dicir que son un home sen sorte, pero téñoos visto con menos aínda. Espero que lle atopen utilidade, vostede ou quen sexa,  a tanto papel como leva escrito.
Nese momento óese unha campá, Xosé érguese e facendo un aceno coa pucha di:
- Ben, don Eduardo, marcho, empeza a misa, a ver se hai sorte.
- Que a teñas, Xosé. Adeus.

Antón Seoane (2º ESO E)



“Os noivos das augas”


"De profundis" Miguelanxo Prado
Imaxe de  maumaunderground.com

O sol empezaba a agocharse tras o horizonte. As augas do Miño comezaban a tinguirse dunha cor laranxa dourada moi fermosa. Un vello acordeonista tocaba unha melodía cuxas notas voaban caprichosas polo aire. Unha moza loura camiñaba sobre a ponte. Levaba un vestido branco, sen mangas, e ía descalza. Situouse nun dos balcóns de ferro que sobresaen da ponte e contemplou o río. O acordeonista, sen deixar de tocar, observouna en silencio, pensando que era unha das mozas máis bonitas que vira nunca. Os seus ollos verdes parecían reflexar unha gran tristura. De pronto, un mozo apareceu correndo dende un dos extremos da ponte berrando “Elíade, Elíade!” sen cesar. A moza mirouno e tirouse dende a varanda ao río, xusto antes de que el chegase ao balcón. No lugar onde caeu a moza comezaron a formarse unhas burbullas como se a auga fervese. O mozo decepcionado golpeou con forza unha das pedras da ponte e, entre xuramentos, marchou de alí. Todo aquilo sucedera diante do vello acordeonista, que se deu de conta de que o mozo choraba e as súas bágoas eran transportadas polo vento. Tras aquilo pensou que o mellor era prepararse para durmir, xa que comezaba a ser noite. Utilizando a funda do acordeón como almofada, decidiu esquecer todo aquilo e descansar.
 Pero ao día seguinte a moza volveu aparecer, xusto á mesma hora. Tamén volveu o mozo, pero, ao velo, a rapaza somerxeuse outra vez nas augas do Miño. Este suceso repetiuse durante unha semana, sempre observado polo vello acordeonista, que nunca lle atopaba sentido ao asunto.
 Mais unha noite, cando o vello xa se dispoñía a durmir, o mozo chegou á ponte, colocouse no balcón desde o que se tiraba  a rapaza e, sen abrir a boca, botouse ao río. O vello correu ata o balcón por ver que lle sucedera ao mozo. Aínda que aos seus anos coidaba que era imposible xa que algo o  sorprendese,  o que viu deixouno sen fala. Do río estaba xurdindo unha columna de auga e no seu cume estaba a moza loura. Desta vez levaba unha túnica azul e o seu cabelo volvérase verde. Parecía unha raíña contemplando os seus dominios. Outra columna xurdiu ao lado da primeira e, sobre ela, o mozo. Os dous colléronse das mans e tiráronse ao río.



O vello regresou onda o seu acordeón e antes de gardalo tocou unhas cantas notas mentres lembraba unha historia que oíra de neno sobre unha fermosa muller que vivía nas axitadas augas do Miño, xusto debaixo do arco da Ponte Vella.


Luis Valencia (2º ESO E)

2/7/12

O CADÁVER EXQUISITO



"O pracer do Baño" (1943) Granell


O cadáver exquisito é unha composición lúdica produto da colaboración de varias persoas, que contén elementos da autoría de todas elas. A composición final posiblemente saia cunha intencionalidade ben diferente á que quixo darlle cada un, pero esas son as regras.

Hai moitas maneiras de pór en práctica este xogo. Nós fixémolo coa técnica dos surrealistas franceses, pero hai moitas variantes, hoxe é un dos xogos literarios que máis se practica na rede.

O procedemento foi o seguinte: Os alumnos escriben tres versos procurando concentrar a súa mensaxe no terceiro; dobran o papel deixando ler o último, pásanllo ao compañeiro. Reciben outro.Len o verso visíbel do compañeiro e escriben outros tres; dobran, pasan... Ata o final da fila.
Cando lles volve o seu papel, len todo: reflexionan, manipulan, rematan o poema...Leno para toda a aula. Eliximos un de entre todos (Resultou difícil, non nos convencía ningún)
A seguir traballamos de novo en pequeno grupo elaborando un poema común a partir dos acertos do cadáver de cadaquén. Lemos.
Procuramos en grande grupo o poema da aula. Vanse escribindo os acertos de cada grupo. Lemos todo, eleximos un verso para comezar, buscamos outro que lle cadre para seguir, reflexionamos, ordenamos, reordenamos, concordamos tempos, números, persoas, axustamos xéneros... Seguimos, outro verso, a ver cal lle pode cadrar agora, outro, un máis. E xa temos un novo poema.

Foto de J. Cameron do Blog De L. Giordani

A un alumno chegoulle este texto e foi o que se decidiu “indultar”.

O lapis escribía,
a goma borraba
o que a rapaza ilusionada inventaba.
Pero non sabía que  sufrimento a agardaba
e a rapaza que aínda cría nas fadas,
un día descubriu a verdade
e unha profunda tristeza a inundou.
O tempo pasou,
todo repousou
nun lugar mellor.
Para sempre.





 Cos anacos de todos construímos o seguinte poema:

Non hai estrelas,
non podo velas.
Cando alumean o meu corazón brilla,
non sei que facer,
non sei que escribir.

Ela era a máis amada,
pero vin unha bágoa.
Ai! Meu Deus,
que cousas ves!

É outono, fría estación,
as anduriñas vanse,
as follas caen,
caen no outono
e ás veces son esquecidas.
Tristes paisaxes ennegrecidas,
sinto o horrible fastío
de que faltas
e faise máis intenso o frío.


Alumnos (2º ESOA)

22/6/12

TRES, DOUS, UN... ACABOUSE!

"praia do forte" Francisco Eduardo

Por fin vacacións! Como berrabades o xoves ás dúas da tarde! Eu non, porque á fin e ao cabo... pero a miña alegría non era menor cá vosa. Grazas por todo e sobre todo polo voso entusiasmo ante calquera cousa que se vos propuxera, xa fose venres e vos pillase cansos ou á última hora da mañá con fame. Que pasedes un bo verán que ben o merecedes. Prometinvos que ían ir saíndo publicadas  as vosas creacións e vou cumprir a miña palabra, pero pouquiño a pouco, como todas as cousas boas. 

17/6/12

POEMAS SOBRE ESTRUTURAS




Capela de San Miguel (Celanova)
Esta actividade ten o seu punto de partida en dous poemas de Celso Emilio, "Eu en ti" e "Os ratos" O xogo agora consiste en baleirar eses poemas do seu contido pero conservando a estrutura, feito isto, enchémolos de novo pero con outros substantivos, outros adxectivos e verbos tamén diferentes. O poema resultante pode mudar de temática ou seguir na mesma liña, déronsenos os dous casos como podedes ver.

"Muller" Vidal Souto


Ti e mais eu

Ti xa me viches
cando a árbore era unha semente pequena
cando os nenos encontraban os seus xoguetes
Ti xa me viras.

Eu xa te seguín
no final do mundo e do ceo
cando o paxaro necesitaba compañía
eu xa te seguía.

Ti xa me falaches
cando só o canto dos animais se escoitaba
cando o ruído non existía aínda
ti xa me falaras.

Eu xa te quixen
cando a morte non asombraba
cando as estrelas non alumeaban
eu xa te quixen.

Sempre.
Ata que arda o ceo.
Ti, na miña alma.
Antón Seoane (2º ESO E) 


 "Abrazo" Fernando Prieto


O amor é unha cousa que te impulsa,
unha cousa que mora nos corazóns
e ten os sentimentos brillantes
e unha entrada de pedra sempre aberta.

Unha cousa que vai entrando ás tentas,
ocorre de súpeto, mírate, chama, quédase.
o amor é unha cousa que doe, 
un segundo só, despois xa non para,
pisa   nas partes endebles do sentir.

O día é unha cousa perfecta
para as emocións, felices amores sen medo.

O amor é unha cousa que alivia,
desordenando sempre, sempre correndo,
berrándolles aos outros que pasan,
quebrándote todo,
fuxindo rápido,
sempre con agobios, camiñando sempre,
móvese, chouta, busca nos recunchos,
nas cortinas das sensacións,
no padal das emocións, 
nos lagos,
nas fontes,
no aire,
nas cabezas da xente.

Tamar Rguez (2º ESO E)


 
Fuco Buxán (1967), Xosé Luís de Dios
E agora con esta imaxe tirada de Ourensanía damos por finalizados os nosos exercicios-homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no ano que se conmemora o centenario do seu nacemento e os cincuenta anos da publicación de Longa noite de pedra. O cadro do noso paisano Xosé Luís de Dios está inspirado no personaxe do poeta de Celanova, deixámosvos aquí a "Carta a Fuco Buxán"
Seguro que Marcos Valcárcel nos cedería gustoso a imaxe do seu blog.

1/6/12

ACRÓSTICOS

Obrigados a Nádia D.
Un acróstico é unha composición en que as letras iniciais dos versos ou das oracións lidas en vertical compoñen unha palabra ou frase. Nós tamén quixemos probar a facer acrósticos, pero complicamos un pouco a cousa, fixemos acrósticos cuxos versos eran centóns Os versos dos centóns eran de Celso Emilio, iso si, para o z, tivemos que collérllelos emprestados, nestes dous exemplos,  a Xulio L. Valcárcel e  a Marta Dacosta. Isto é unha mostra de como se nos deu.




Castiñeiro do val Castelao
Pombas de luz e xílgaros de soños,     
era igual que nomear a primavera,
decir libertá non era triste.
I agora penso eu,
mentiras e inxustizas de cotío,
o corazón da xente
sin os doces segredos das violedas.
Anda un terror de auga fría,
paraliza os relós, perfora as gorxas.
As cousas son así.
Zoa o vento.





Francisco J. Miranda (2º ESO E)

Versos tirados dos seguintes poemas: “O reino”, “Crónica da coca-cola”, “Deitado rente ao mar”, “Nai”, “María Soliña”, “O can danado”, “Os ratos” , de Celso Emilio e “Espacio branco” de Xulio L. Valcárcel.





Pasaba o xornaleiro asubiando
e dous ollos de vidro sempre acesos,
Deus estaba con el,
I eu era un vagalume, unha estreliña
máis alá das sabanas e das illas.
O que ha de vir chegará
sobre a fronte dos homes temerosos.
A noite que é un burato sen orelas
podía escorrentar tan grande medo,
ateigada de luz polas vereas
zugarnos a vontade.

Sara Vázquez (2º ESO E)

Versos tirados de “O medo”, “Os ratos”, “Nai”; “Irmaus”, “Son un pasmón”, “O can danado” de Celso Emilio e “Non é amor” de Marta Dacosta.
 Deixámosvos como agasallo final os poemas de Xulio L. Valcárcel e Marta Dacosta, sen eles o zeta sería imposíbel.

"Non é amor"
Pobre Ofelia
cristalizada estás no sangue da loucura
e gardas baixo as unllas a carne do covarde,   
como un berro atroz que nos convoca.
Os teus ósos,
espadas de cristal
contra a fame caníval
de posuírnos,
de beber a nosa alma,
zugarnos a vontade,
dobregarnos ao río do delirio.

Ofelia,
pequena Ofelia
non se sacia a sede do covarde.

Marta Dacosta 

"Paisaxe" Ovidio Murguía Castro



"Espacio en branco"

Vento, vento, vento...

O vento.
O vento,
soa lonxe o vento. 
                                                                      O merlo.                                                                     
O merlo,
paxaro sen tempo.

                                                           Lonxe. Lonxe...                                                           
Soa lonxe,
no corazón do vento.

                                                                  Canta o merlo                                                                        

sobre o cristal
do inverno.

Sen tempo o vento.
O vento zoa sen tempo.

O vento. O merlo.
Zoa o vento.
Canta o merlo.

Dentro,
un neno.

Xulio L. Valcárcel