Mostrando entradas con la etiqueta concursos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta concursos. Mostrar todas las entradas

19/1/14

A ESCRIBIR!


Nestas datas choven as convocatorias de certames literarios. Xa sei que non se pode atender a todo, pero aquí vos deixo a  doutro, o da Asociación Cultural O Facho.


É en homenaxe a Carlos Casares, gañador deste mesmo concurso no ano 68, coa obra A galiña azul, unha galiña diferente non só na cor, senón tamén en que fai cocorocó, e por iso o malísimo Manolito Listón quere matala. Toda a vila a xeito de Gamonal se une entón para salvar a galiña azul. Bonito, non?

28/11/13

A PEDRA DO TANGARAÑO

De panoramio.com
A Concellería de Educación do Concello de Ourense vén de convocar o II Certame de Microrrelato On Line, certame que o noso compañeiro Álvaro Glez Leiro gañou na súa primeira edición. As bases podédelas consultar en Camiño longo. Alí veredes que o tema deste ano son as lendas e supersticións de Galicia.


Eu gustaría de ler un relato inspirado na pedra do Tangaraño. Cada vez que alguén a menciona sinto remorsos e lembro a avoa María. Ela era de Pazos, lugar moi próximo á pedra. Moitas veces me contou como a nai a obrigaba de mociña  a ir ao penedo, e aínda que eran catro irmás, só ela, polo seu nome, era a enviada. E a mociña María agochábase en mil sitios, pero sempre acababa tendo que ir. Nos meus 16 anos era un castigo escoitala e incluso me parecía que xa se lle ía algo a cabeza, cando lle oía algunhas cousas. Como lamento, tantos anos despois, non ter valorado canto me contou!

A avoa vía o seu nome como unha desgraza, porque as Marías que ían ao Tangaraño collían sona de bruxas, os mozos non lles falaban no baile e adoitaban quedar solteiras. E ela quería casar. E casou, e mesmo tivo antes certos amores, pero aí si lle vou gardar o segredo. 

Tres Marías, un caldeiro de cinc novo cheo de pez e roupiña tamén nova para o neno era o necesario no ritual de desentangarañar o meniño que non medraba. A roupa que levaba posta metíase na pez e aparecía a figura do animal ou persoa que o entangarañara. 

 

 Estiven ben veces en Cova de Lobo, pero nunca baixei ao Tangaraño. Sei máis ou menos por onde estaba o carreiro, mais non sei chegar e os que poderían guiarme xa non están comigo. Gustaríame poder crer que agora me  levan da man por outros camiños.

25/4/13

OLLANDO AOS NOSOS ARTISTAS


Lenzo de Xaime Quessada

Parabéns! O noso compañeiro Álvaro González Leiro de 3º ESO C foi o gañador na súa categoría do I Certame de Microrrelato on line: Ollando os nosos artistas.


Caricatura de Vicente Risco




O seu texto  homenaxeaba a obra de Vicente Risco O lobo da xente, sabemos que isto era o que Álvaro tiña en mente, pero alén diso a licantropía inspirou a máis artistas ourensáns, lembremos Romasanta  de Alfredo Conde





Os textos gañadores nas distintas categorías foron seleccionados polo escritor Francisco Fdez Naval e os premios seranlles entregados aos gañadores nun acto no Museo Municipal o próximo 13 de maio. Reiteramos as felicitacións e aquí vos deixamos o texto gañador na categoría de ESO e ESPO.





O LOBO NA XENTE

Escuridade. Non vexo nada… recordo o punto branco na noite… e logo escuridade. Onde estou? Estou morto? Estou vivo? Non podo moverme. Aboio na escuridade. Será esta a miña besta? O lobo… O salvaxe instinto animal que en todos se atopa. Os nosos máis ocultos segredos… Pecados de avaricia, luxuria, envexa… Bestas no interior, lobos na xente. Desexos sinistros da sociedade, da mente colectiva. O que todos desexan e non realizan. O lobo… El non ten control, revela os nosos segredos. Realízaos. Toda a xente ten un lobo. A besta. O instinto. O desexo… Ten o control do corpo, desencadéao á noite. A ambición. O lobo na xente.


ÁLVARO GONZÁLEZ LEIRO, 3ºESO C
IES BLANCO AMOR



27/12/12

CONTRA O MALTRATO





O pasado 25 de novembro foi o Día Mundial contra a violencia de xénero. Con este motivo a oficina de Igualdade do Concello de Lalín convocou un certame para mover á reflexión sobre este tema. Nós participamos no seu momento con algúns textos, pero non queremos que os vexades como un simple exercicio literario colocado aquí a destempo; son a nosa visión dun problema social que está connosco no día a día.




Non lle vou enviar un cordial saúdo, non o merece. Ela non é menos ca vostede nin menos ca ninguén. Seica cando naceu lle preguntaron que quería ser, se home ou muller. E vostede, cheo de razón, repondeu: “Home, que é superior en todos os sentidos”. Resáltolle, por se acaso non a viu, a ironía nas palabras anteriores.

Cando vostede lle levanta a man, ela tenlle medo, noxo, desprezo. Faina sufrir a cambio de crecerse un pouco e de subir a súa autoestima un chanzo máis, o que vén sendo, a cambio de nada. Grazas a vostede a xente míraa con lástima ás veces; pola súa culpa tivo que consolar os pequenos cando ela estaba peor, tivo que tapar as feridas con maquillaxe e as doenzas que lle provocaba con alegrías falsas.

Saiba vostede que para facer un aloumiño non é necesario aplicar tanta forza e é preciso que saiba tamén que o resultados disto non deben ser choros. Esa persoa á que vostede insulta e menospreza realiza un traballo tan digno coma o seu, os seus esforzos merecen tamén recompensas. Os dereitos non son distintos para homes e mulleres, non o esqueza.

Iria Álvarez (3º ESO C)



Non estimado maltratador:

Empezo supoñendo que vostede ten varias caras que van aparecendo á medida que vai coñecendo a súa vítima, pero estou segura de que só unha é a real: a satisfacción de ver a impotencia por non poder defenderse, e o medo, no rostro da muller que  maltrata.
Do que si estou segura é de que vostede goza co sufrimento, non só da súa vítima, senón tamén co da súa familia, tanto a dela como a súa, por que creo que debería ter en conta que isto sempre se sabe. A violencia pode verse, pode sentirse…
É certo que moita xente fai que non a ve, outra realmente non a ve, os menos, e outra axuda a combatela; pero nunca é suficiente, porque cada vez que se axuda a alguén, sempre aparece outro coma vostede que volver empezar o horror.
Quero que saiba o que pode sentir unha muller cando a maltratan. O primeiro é medo, medo a vostede, ao que pensen os demais cando se enteren, medo a ter que ocultárllelo aos pais ou a non ter a súa axuda, medo a denunciar, medo a quedar embarazada e non dar protexido o fillo, medo a morrer sen loitar, medo a que non a crean… e podería continuar.
Despois, a impotencia; impotencia de non ser quen de defenderse, de non saber que facer…
As miñas preguntas son: É isto necesario? Ten algunha razón para facelo? Que gaña?
A última pregunta podo respondela eu mesma: NADA.
Non espero a súa resposta, só pretendo que reflexione, que pense no que fai e deixe de facelo.


Lara Muñoz (3º ESO C)

politikha.blogspot.com



A: Director da Sucursal C da Empresa Globaplux.
De: Diana Paz Andrade.

Escríbolle esta carta para comunicarlle a miña dimisión. Vostede debería saber cales foron as razóns que motivan que eu abandone este traballo que, segundo vostede, “ catapultaría a miña carreira”; aínda así voullas expor.
Tras asinar o meu contrato, pasei a formar parte do equipo de asesores de finanzas da sucursal, equipo no que eu era a única muller. O traballo parecía estable e o soldo interesante, pero xa o primeiro día souben que algo ía mal. Durante a miña presentación ao grupo de asesores co que ía traballar, deime de conta de que a maioría dos integrantes me miraban con incredulidade, despois descubrín miradas coma de desexo. Sentinme cohibida, pero deixeino pasar e comecei a traballar con eles. Pronto apareceron os problemas, todas as miñas opinións ou ideas eran rexeitadas ou tratadas con condescendencia. Vinme obrigada a calar, mentres un fato de ineptos facían coma quen que traballaban sen deixar de mirarme.
Tras aquela experiencia resolvín presentar ante vostede unha queixa formal e a resposta que obtiven foi:” Iso non é nada, muller!  Ande, tranqulícese e lévelles un café aos rapaces do seu grupo, que seguro que andan cansos”.
Sentinme tan humillada que abandonei o edificio rápidamente, tiven, iso si, a tentación de pasar por onda os meus compañeiros primeiramente a levarlles eses cafés e tirárllelos á cabeza.
Saiba tamén que a empresa está denunciada e que espero velo, pero nos tribunais.

 Luis Valencia (3º ESO C)


De cuatro paredes



A ti:
Non podo máis! Acabaches con cinco anos da miña vida, non podo seguir aguantando. Dende que te coñezo cambiaches moitísimo, non es o mesmo, es malo, fas dano a quen está ao teu lado. Por que? Que pasou? Eu a pesar de todo quérote, pero non podo seguir ao teu carón máis tempo, non podo darche máis oportunidades se todos os días te volves converter nese monstro que non pensa, que non sente. A miña familia está demasiado preocupada, están dispostos a recorrer á policía.
Se ti queres que volva, déixao, déixao, sei que iso che afecta, esa merda cambioute, haberá máis razóns, pero esa é a principal.  Por que empezaches? Non me querías? Estabas acaso deprimido? Dimo, sei que podes volver ser o rapaz doce de corazón grande.
Con todo, non tiñas dereito a facerme dano, xa van catro ingresos hospitalarios, preciso ademais de axuda psicolóxica, todo por culpa diso que te metes. A túa familia e os teus amigos acabaranse afastando, quedarás só. Leti está triste, non te recoñece, non sabe case quen é o seu pai; os únicos recordos que terá de ti serán gritos, discusións, portazos, golpes, choros, insultos… Ela quérete, es seu pai, quere estar contigo, pero xa ves, non podes vela, nin sequera acercártelle, é o que consegues. Por favor, sae desa burbulla, dáte conta do que acontece.
Recordas aqueles momentos bonitos, eras delicado, amable, cariñoso, romántico, tiñamos un fermoso futuro xuntos, unha familia, ese era o noso soño. Nunca imaxinei que chegases a isto, non, aínda non o creo! Quizais aguantei tanto porque pensei que volverías, que só sería unha mala época, mala sorte no traballo, a economía, a crise… Pero non sei, non estou segura de nada, se queres que volva tes que facer algo, hai moitos lugares onde che poden axudar.
Espero que te perdoes.    

 María Núñez (3º ESO C)

unahistoriacualquieradeverdadblogspot.com



Vostede:

Algunha vez sentiu medo? Non medo  a unha serpe, medo á persoa coa que compartes unha vida, a que todos os días ves nada máis levantarte. As persoas teñen medo aos ladróns, aos asasinos, pero eses non se ven todos os días, non viven na túa casa.

Refírome ao medo que se sente ao non poder expresarse, a aceptar a escravitude para non sufrir,  á obriga de calar a boca, de obedecer, de non poder opinar; de pór escusas e ter que mentir, “Caín polas escaleiras”.

Por que? Por que ten que haber xente que pase por iso todos os días? E nós, cunha vida normal, non nos damos de conta de que centos de mulleres están nas súas casas aterradas.

A resposta é sinxela, porque persoas coma vostede, por enriba de todo ser humano, goza sentíndose alto, forte, arriba. Estar arriba non é mandar e que obedezan de seguido por medo. De igual xeito que un pobo non se goberna pola ameaza, tampouco as persoas. E principalmente, a muller non se goberna, ela ten os mesmos dereitos ca vostede e non ten por que soportar que o home ao que quixo un día a faga pasar por iso. Non quere vela sorrir? Non quere que sexa feliz ao seu lado? Pois así non o consegue, só a fai máis infeliz e máis débil.
 
Marina Pardo de Andrade (3º ESO C)