O pasado 25 de novembro foi o Día Mundial contra a violencia de xénero. Con este motivo a oficina de Igualdade do Concello de Lalín convocou un certame para mover á reflexión sobre este tema. Nós participamos no seu momento con algúns textos, pero non queremos que os vexades como un simple exercicio literario colocado aquí a destempo; son a nosa visión dun problema social que está connosco no día a día.
Non lle vou enviar un cordial saúdo, non o merece. Ela
non é menos ca vostede nin menos ca ninguén. Seica cando naceu lle preguntaron
que quería ser, se home ou muller. E vostede, cheo de razón, repondeu: “Home,
que é superior en todos os sentidos”. Resáltolle, por se acaso non a viu, a
ironía nas palabras anteriores.
Cando vostede
lle levanta a man, ela tenlle medo, noxo, desprezo. Faina sufrir a cambio de
crecerse un pouco e de subir a súa autoestima un chanzo máis, o que vén sendo, a
cambio de nada. Grazas a vostede a xente míraa con lástima ás veces; pola súa
culpa tivo que consolar os pequenos cando ela estaba peor, tivo que tapar as
feridas con maquillaxe e as doenzas que lle provocaba con alegrías falsas.
Saiba vostede
que para facer un aloumiño non é necesario aplicar tanta forza e é preciso que
saiba tamén que o resultados disto non deben ser choros. Esa persoa á que
vostede insulta e menospreza realiza un traballo tan digno coma o seu, os seus
esforzos merecen tamén recompensas. Os dereitos non son distintos para homes e
mulleres, non o esqueza.
Iria Álvarez (3º ESO C)
Non
estimado maltratador:
Empezo
supoñendo que vostede ten varias caras que van aparecendo á medida que vai
coñecendo a súa vítima, pero estou segura de que só unha é a real: a satisfacción
de ver a impotencia por non poder defenderse, e o medo, no rostro da muller que
maltrata.
Do que
si estou segura é de que vostede goza co sufrimento, non só da súa vítima,
senón tamén co da súa familia, tanto a dela como a súa, por que creo que
debería ter en conta que isto sempre se sabe. A violencia pode verse, pode
sentirse…
É certo
que moita xente fai que non a ve, outra realmente non a ve, os menos, e outra
axuda a combatela; pero nunca é suficiente, porque cada vez que se axuda a
alguén, sempre aparece outro coma vostede que volver empezar o horror.
Quero
que saiba o que pode sentir unha muller cando a maltratan. O primeiro é medo,
medo a vostede, ao que pensen os demais cando se enteren, medo a ter que
ocultárllelo aos pais ou a non ter a súa axuda, medo a denunciar, medo a quedar
embarazada e non dar protexido o fillo, medo a morrer sen loitar, medo a que
non a crean… e podería continuar.
Despois,
a impotencia; impotencia de non ser quen de defenderse, de non saber que facer…
As
miñas preguntas son: É isto necesario? Ten algunha razón para facelo? Que gaña?
A
última pregunta podo respondela eu mesma: NADA.
Non
espero a súa resposta, só pretendo que reflexione, que pense no que fai e deixe
de facelo.
Lara Muñoz (3º ESO C)
unahistoriacualquieradeverdadblogspot.com
Vostede:
Algunha vez
sentiu medo? Non medo a unha serpe, medo
á persoa coa que compartes unha vida, a que todos os días ves nada máis
levantarte. As persoas teñen medo aos ladróns, aos asasinos, pero eses non se
ven todos os días, non viven na túa casa.
Refírome ao
medo que se sente ao non poder expresarse, a aceptar a escravitude para non
sufrir, á obriga de calar a boca, de
obedecer, de non poder opinar; de pór escusas e ter que mentir, “Caín polas
escaleiras”.
Por que? Por que ten que haber xente que pase por iso
todos os días? E nós, cunha vida normal, non nos damos de conta de
que centos de mulleres están nas súas casas aterradas.
A resposta é
sinxela, porque persoas coma vostede, por enriba de todo ser humano, goza
sentíndose alto, forte, arriba. Estar arriba non é mandar e que obedezan de
seguido por medo. De igual xeito que un pobo non se goberna pola ameaza,
tampouco as persoas. E principalmente, a muller non se goberna, ela ten os
mesmos dereitos ca vostede e non ten por que soportar que o home ao que quixo
un día a faga pasar por iso. Non quere vela sorrir? Non quere que sexa feliz ao
seu lado? Pois así non o consegue, só a fai máis infeliz e máis débil.
|
Marina Pardo de Andrade (3º ESO C)