Mostrando entradas con la etiqueta Celso Emilio. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Celso Emilio. Mostrar todas las entradas

14/12/12

RECITANDOCELSOEMILIO. VIDEOCLIP



Os técnicos traballaron arreo e xa circula pola rede o noso videoclip.  Aí estamos todos,  a contrarreloxo; era a fase final, ademais sempre hai algo que se atranca, pero obxectivo conseguido, o poema de Celso Emilio puido oírse no polideportivo do Blanco Amor.



13/12/12

RECITANDO A CELSO EMILIO


O 12/12/12 sumámonos como tanta outra xente á proposta da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística de render homenaxe a Celso Emilio Ferreiro cun recitado colectivo de "Deitado frente ao mar"
Algúns de nós xa traballaramos con este poema e con outros textos do autor, o curso pasado. Esta será a nosa derradeira actividade para conmemorar o seu ano.
A preparación foi un pouco atropelada, primeiramente foi a parte artística: cada palabra do poema, decorada, encheu a súa cartolina, miles de cores para o poeta de Celanova. Verdadeiras obras de arte algunhas!
Despois viñeron os ensaios do recitado, precisamente no día que máis frío ía e nós sen calefacción... Pero, fómonos entusiasmando e algún ata tirou a chaqueta cara ao final do ensaio. 
 Chegou a data, algunha confesaba sen pudor os seus nervios despois de recibir un curso acelerado de como gravar. Había que preparar o decorado, tamén a toda présa,  e por fin! Houbo algún problema técnico a maiores, o sitio talvez non foi o adecuado pero aí está o resultado. 
Sentímonos orgullosos de formar parte desta iniciativa, de ser un máis dos moitos centros que se uniron ao acto de defensa  e afirmación da nosa lingua.
Grazas a todo o Blanco Amor: 1º ESO A, B, D, E; 2º ESO A, B, C, D, E; 3º ESO A, C, D; 4º ESO D, profesores e profesoras do Dpto de L. Galega, Pilar de Plástica, Avelina e Ramón. Sen o voso esforzo e entusiasmo nada sería posible. (Prometín citarvos a todos, espero que non me esquecera ninguén)
O videoclip está en posprodución, poderédelo ver pronto en YouTube.

17/6/12

POEMAS SOBRE ESTRUTURAS




Capela de San Miguel (Celanova)
Esta actividade ten o seu punto de partida en dous poemas de Celso Emilio, "Eu en ti" e "Os ratos" O xogo agora consiste en baleirar eses poemas do seu contido pero conservando a estrutura, feito isto, enchémolos de novo pero con outros substantivos, outros adxectivos e verbos tamén diferentes. O poema resultante pode mudar de temática ou seguir na mesma liña, déronsenos os dous casos como podedes ver.

"Muller" Vidal Souto


Ti e mais eu

Ti xa me viches
cando a árbore era unha semente pequena
cando os nenos encontraban os seus xoguetes
Ti xa me viras.

Eu xa te seguín
no final do mundo e do ceo
cando o paxaro necesitaba compañía
eu xa te seguía.

Ti xa me falaches
cando só o canto dos animais se escoitaba
cando o ruído non existía aínda
ti xa me falaras.

Eu xa te quixen
cando a morte non asombraba
cando as estrelas non alumeaban
eu xa te quixen.

Sempre.
Ata que arda o ceo.
Ti, na miña alma.
Antón Seoane (2º ESO E) 


 "Abrazo" Fernando Prieto


O amor é unha cousa que te impulsa,
unha cousa que mora nos corazóns
e ten os sentimentos brillantes
e unha entrada de pedra sempre aberta.

Unha cousa que vai entrando ás tentas,
ocorre de súpeto, mírate, chama, quédase.
o amor é unha cousa que doe, 
un segundo só, despois xa non para,
pisa   nas partes endebles do sentir.

O día é unha cousa perfecta
para as emocións, felices amores sen medo.

O amor é unha cousa que alivia,
desordenando sempre, sempre correndo,
berrándolles aos outros que pasan,
quebrándote todo,
fuxindo rápido,
sempre con agobios, camiñando sempre,
móvese, chouta, busca nos recunchos,
nas cortinas das sensacións,
no padal das emocións, 
nos lagos,
nas fontes,
no aire,
nas cabezas da xente.

Tamar Rguez (2º ESO E)


 
Fuco Buxán (1967), Xosé Luís de Dios
E agora con esta imaxe tirada de Ourensanía damos por finalizados os nosos exercicios-homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no ano que se conmemora o centenario do seu nacemento e os cincuenta anos da publicación de Longa noite de pedra. O cadro do noso paisano Xosé Luís de Dios está inspirado no personaxe do poeta de Celanova, deixámosvos aquí a "Carta a Fuco Buxán"
Seguro que Marcos Valcárcel nos cedería gustoso a imaxe do seu blog.

1/6/12

ACRÓSTICOS

Obrigados a Nádia D.
Un acróstico é unha composición en que as letras iniciais dos versos ou das oracións lidas en vertical compoñen unha palabra ou frase. Nós tamén quixemos probar a facer acrósticos, pero complicamos un pouco a cousa, fixemos acrósticos cuxos versos eran centóns Os versos dos centóns eran de Celso Emilio, iso si, para o z, tivemos que collérllelos emprestados, nestes dous exemplos,  a Xulio L. Valcárcel e  a Marta Dacosta. Isto é unha mostra de como se nos deu.




Castiñeiro do val Castelao
Pombas de luz e xílgaros de soños,     
era igual que nomear a primavera,
decir libertá non era triste.
I agora penso eu,
mentiras e inxustizas de cotío,
o corazón da xente
sin os doces segredos das violedas.
Anda un terror de auga fría,
paraliza os relós, perfora as gorxas.
As cousas son así.
Zoa o vento.





Francisco J. Miranda (2º ESO E)

Versos tirados dos seguintes poemas: “O reino”, “Crónica da coca-cola”, “Deitado rente ao mar”, “Nai”, “María Soliña”, “O can danado”, “Os ratos” , de Celso Emilio e “Espacio branco” de Xulio L. Valcárcel.





Pasaba o xornaleiro asubiando
e dous ollos de vidro sempre acesos,
Deus estaba con el,
I eu era un vagalume, unha estreliña
máis alá das sabanas e das illas.
O que ha de vir chegará
sobre a fronte dos homes temerosos.
A noite que é un burato sen orelas
podía escorrentar tan grande medo,
ateigada de luz polas vereas
zugarnos a vontade.

Sara Vázquez (2º ESO E)

Versos tirados de “O medo”, “Os ratos”, “Nai”; “Irmaus”, “Son un pasmón”, “O can danado” de Celso Emilio e “Non é amor” de Marta Dacosta.
 Deixámosvos como agasallo final os poemas de Xulio L. Valcárcel e Marta Dacosta, sen eles o zeta sería imposíbel.

"Non é amor"
Pobre Ofelia
cristalizada estás no sangue da loucura
e gardas baixo as unllas a carne do covarde,   
como un berro atroz que nos convoca.
Os teus ósos,
espadas de cristal
contra a fame caníval
de posuírnos,
de beber a nosa alma,
zugarnos a vontade,
dobregarnos ao río do delirio.

Ofelia,
pequena Ofelia
non se sacia a sede do covarde.

Marta Dacosta 

"Paisaxe" Ovidio Murguía Castro



"Espacio en branco"

Vento, vento, vento...

O vento.
O vento,
soa lonxe o vento. 
                                                                      O merlo.                                                                     
O merlo,
paxaro sen tempo.

                                                           Lonxe. Lonxe...                                                           
Soa lonxe,
no corazón do vento.

                                                                  Canta o merlo                                                                        

sobre o cristal
do inverno.

Sen tempo o vento.
O vento zoa sen tempo.

O vento. O merlo.
Zoa o vento.
Canta o merlo.

Dentro,
un neno.

Xulio L. Valcárcel


21/5/12

CENTÓNS





Un centón é unha composión feita con versos ou fragmentos de versos doutros autores. É un xogo literario que ten tamén a súa complexidade, porque aínda que algún verso se pode recoñecer como pertencente ao outro autor, o poema resultante ten un sentido totalmente diferente, ademais, se está ben feito, dá a impresión dun todo homoxéneo e non simples retallos cosidos por puntadas sen xeito. Por suposto sempre se debe confesar de onde foron tirados os versos.
Se tedes lido outros dos nosos traballos xa suporedes que os versos destes centóns foron collidos de poemas de Celso Emilio, a razón disto tamén está alí. O que agora vos presentamos ao mellor non ten a harmonía do collage que ilustra a entrada, pero estamos satisfeitos de como quedou o experimento.





 De Víktor Gómez

Nesta longa noite
de luz e de escuridá
os meus ollos de neno
son de pedra,
un pozo profundísimo de medo
nas estradas da vida.
O terror anda solto polo mundo
e soño unha  imposíbel alba amante
e vexo cada día
bágoa nosa nos ollos.

José Javier Vázquez (2º ESO E)

(Versos procedentes dos seguintes poemas: “O medo”, “Longa noite de pedra”, “Coromoto”, “O can danado”, “Nai”, ”O árbol”,  “Ao   lonxe, Ourense ” .




                       
A noite, espello de auga fría,
dunha tristura aceda,
vai coa lúa,
por camiños de romaxes
con grave e tristeiro son.
A noite envolta en farrapos,
déitase nos piñeirales,
i o vento que rebulía,
ventiño de doce gaita
por fin está calado.

Luis Valencia (2º ESO E)

(Versos procedentes dos seguintes poemas:  “O can danado”, “Deitado  frente ao mar”, “Cantiga pra durmir a un neno”, “Romance de cego”, “O locutor”.
                        

10/5/12

ESCRITA LIBRE



march.es


A escrita libre, nunha das súas múltiples variantes busca que nos deixemos levar pola melodía, que nos centremos nas sensacións que esta provoca para que o texto flúa libremente e sen ataduras. Pero nós non nos permitimos tanta liberdade, as nosas melodías tiñan texto, o de tres poemas de Celso Emilio Ferreiro: " Eu en ti", "María Soliña" e "Irmaus"o primeiro de O soño sulagado e os outros dous de Longa noite de pedra. Estes que vedes a continuación son algúns dos textos que eses poemas musicados inspiraron.


fondosni.com

"Eu en ti"

                 
Busqueite alá por onde puiden, ollos ansiosos, encontreite.
Chameite para que viñeses a min, pero ti querías quedar na túa fortaleza.
Pero namoreite, no pequeño momento en que miraches pola opaca abertura dunha ventá.
Mostráchesme o teu castelo que non tardou en rechamarse e ser noso.
E dende aquela non te volvín buscar; non volvín chamarte, aínda que si pronunciei o teu nome coa alegría posta en cada letra.
Pero aínda hoxe sigo namorándote.
                                                         Beatriz Fdez (2º ESO E)

"María Soliña"

"Maria Soliña" (Xaime Quessada)
 A música comeza, escribo sen pensar. María Soliña, a bruxa de Cangas, María, a pobre tola que nada tiña porque todo llo arrebataran, a que máis tarde morrería queimada. Pobre vida a desta muller! Que tristeza me transmiten melodía e texto. O poema remata.
                           Carla Alonso (2º ESO A)

O sol comeza o seu descenso. A lúa e as estrelas invaden o ceo e a súa luz fai refulxir a area da praia. As ondas do mar, eternas bailarinas, parecen furiosos guerreiros esa noite. No areal , de forma espantosa, érguese unha columna de fume. Atada,  no centro da fogueira, ela berraba, incapaz de reprimir a dor. O fume da fogueira introdúcese nos seus pulmóns. Mentres, amargas bágoas caen dos seus ollos. A xente que rodea a fogueira goza desa horrible morte. Finalmente o fume deixa inconsciente a muller que se abandona a ese soño escuro e eterno que é a morte e o seu corpo consómese nas lapas. 
                             Luis Valencia (2º ESO E)
                                                                                                                                                                                                                            

"Irmaus"

taringa.net
  Todos somos iguais, dá igual como sexamos por fóra: brancos, negros, baixos, altos, indíxenas, mestizos. Todos temos algo en común. Pode ser que moitos non se decaten do unidos que estamos. Aínda sendo tantos, aínda sen coñecernos, aínda tendo distintos rasgos, pegadas, antepasados... sempre seremos irmáns da mesma terra. Todos sentimos a mesma dor, todos temos os mesmos dereitos, todos somos humanos.

                                                                        Lourdes Domínguez (2º ESO E) 

2/5/12

EU ESCRIBO, ELA ESCRIBE...

Gianni Rodari
                                                                         
Celso Emilio Ferreiro

                                                                                                                         
Presentámosvos agora un grupo de pequenos textos que son creación nosa, si, pero para os que contamos con dúas  importantes axudas: Celso Emilio, ás veces, e Gianni Rodari sempre. Son exercicios preliminares, borradores para irnos adestrando, mais teñen o valor de ser "os nosos  textos" e cobrarán o seu auténtico sentido cando pasado o tempo os volvamos ler. Aquí quedan só algunhas mostras, temos máis.

Sabedes o que é un lipograma? É un texto en que se evita deliberadamente unha letra. Vede algún dos que fixemos na aula. 

Esta compañeira inspirouse no seu texto sen m, na Crónica da Coca-Cola de Celso Emilio Ferreiro. Podedes ler o poema na selección de textos que xa temos mencionado.



neverbot.com
É unha historia ben graciosa, contada por un gran poeta galego. Cal é a historia? A da Coca- Cola.
Neste escrito alúdese á Coca-Cola así: escuro xarope ben xelado. Dinos desta bebida que ten unha grandeza que se pode verificar con estatísticas. Por se acaso quedan dúbidas inspeccione: se se xuntasen tódalas botellas fabricadas (deitadas en ringleira) darían a volta á terra unha gran cantidade de veces. Se todas as botellas fosen repartidas de xeito equitativo entre as xentes… cantas para cada un? Daríalle un infarto se llo dixese. E de derradeiro, se tódalas botellas se fundisen nunha, a resultante sería xigantesca. Celso E. fálanos de que este produto é exportado a cincocentos países soberáns, unha barbaridade de botellas cada día. Pero a graza do escrito atópase ao final, cando o autor di que o cocacolonizador que o cocacolonizou bon     cocacolonizador ten sido.
                                        Iria Álvarez (2º ESO A)



Outro alumno da mesma aula eliminou temén o m, pero desta volta dos seus versos, nos que tamén está presente Celso Emilio. Son as nosas aportacións á conmemoración dos cen anos do seu nacemento.

                              
A poesía é un aparello                                                           
que serve para expresar a realidade,                   
blogs.elcomercio.pe

iso é o que dicía o poeta                                          
de Celanova.                                    
Porque unha poesía pode                                       
servir de idea e coa idea                                   
el crea unha invención.
Letras que teñen palabras,
palabras que teñen oracións,
oracións que teñen cancións,
cada poesía é un universo
e ese universo está escrito
nuns versos.
          
                                                                                                           Adrián Ares (2º ESO A)


E un tautograma, sabedes? É un texto en que todas as palabras comezan pola mesma letra. Aquí tedes tres exemplos, o primeiro deles inspirado na figura de Celso Emilio:


  

Contigo Celso, Celanova clama cancións. Cuestións creativas, científicas, correspondidas, con culpables, conflitivas, conscientes confíns creativos. Como ceder con chantaxes?
            
                                                      Eva Feijoo (2º ESO A)
                                                      
                               




   Doncela do día
  da dolorosa despedida,                                   
  daniña, desesperada, 
  desobedeces distintos donos.                                                                                                        
                                                
                                             
   Do devezo de distraerte,
   despeitearte,   desocuparte.

   Despois desnórtasnos,
   deixándonos descubrirte.

    Disipáronse dous destinos distintos
    deixando dor, días delirantes.
                                                       
                                                                                         Uxía Argibay (2º ESO A)



Antes andando aliviaba a alma, a anatomía apenas asombraba anacos afogados. Activábase aparellándose  a algunha alma andante. Amañecía, acabábanse abrazando. Agora...

                                                                      Adrián Ares (2º ESO A)


A escrita alfabética non ten moito misterio, verdade?. Tamén a practicamos. Presentámosvos os resultados. 
Inspirado no poema "O árbol" de Celso Emilio Ferreiro da selección do autor  temos este texto que acompañamos dunha foto feita por Marina:
 


 Árbore  bagoenta, caída, defunta. El fixo gozar harmonía, inspiración. Logrou magnificamente narrar, ñapar os poemas que reflicten sentimentos, transformando urnas vacuas xa zarradas.
                                                                              
                                                                                         Rubén Yáñez (2º ESO E)




demibalconatuventana.blogspot.co

 Abandonada busco como deixar esta febril gaiola hinóptica. Inquedamente, lógroo, mentres non oio, porque quero resignarme sen tomar un verdadeiro xiro zangado.
                                                  
                                      Tamar Rguez (2º ESO E)

25/4/12

V+5 A+3



De blogsdelagente.com


Seguramente todos coñecedes o poema "Deitado frente ao mar", quizais o texto en defensa da lingua que se popularizou máis. Védeo, se non, na selección de textos de Celso Emilio Ferreiro coa que estamos traballando na conmemoración do seu ano.  Pois ben, uns trasnos puxéronse a xogar con este texto, pero con certas regras. Chámase este xogo V+5 A+3. Consiste en coller os verbos dos poemas, localizalos nun dicionario e substituílos polo que apareza en quinto lugar, a partir do localizado. A operación é identica para os adxectivos, pero neste caso cada adxectivo será substituído polo que apareza en terceiro lugar. O resultado é un tanto disparatado, pero iso é xustamente o que buscaban os trasnos.


 
DELETREADO FRENTE AO MAR

Lingoa promotora do meu pobo,
eu farfálloa por que sí, porque me gralla,
porque me peterrexa e quinto e me debae a gaña
porque me salmoira de dentro, aló do fondo
dunha tristura acerbaixana que me abrillanta
ao versificar tantos patufos desmemoriados,
perdularios mequetrefes sin raíces
que ao postergar a garabata xa non sacoden
farfallar a fala nai,
a fala dos abós que testamos mostradores,
e serrar, co rostro escabroso,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Eu farfálloa porque sí, porque me gralla
e quinto estear cos meus, coa xente miocena,
perto dos homes  bolsistas que supeditan longo
unha historia contaminante noutra lingoa.

Non farfallo pra os sobreditos
non farfallo para os rumorosos e poeirentos
non farfallo para os firmes
non farfallo para os etílicos
non farfallo para os valetudinarios
que farfallo para os que alagan rexamente
mentiras e inxustizas de cotío.
Para os que subliñan e choven
un pranto craso de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos nubosos.
Eu non podo arreitar as miñas verbas
de tódolos que supeditan neste mundo.
E ti vociferas no mundo terra miocena,
berce da miña estirpe,
Galicia, dócil mágoa das Españas,
deletreada rente ao mar, ise camiño…

                                                                                       Alumnos de 2ºESO A