Mostrando entradas con la etiqueta poesia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta poesia. Mostrar todas las entradas

9/9/15

UN SEGREDO


Un día  descubrín emocionada que compartía un segredo con Fernando Namora. Se alguén me dixese naquel momento que acabaría por revelalo, tomaríao por tolo. Pero o tempo que nos trae unhas cousas, leva tamén outras. E, neste caso, por riba da reserva do íntimo está a beleza das palabras do escritor  de Coímbra.

Meu pai tiña sandalias de vento
só agora o sei
Tiña sandalias de vento e isto nin sequera é unha maneira de falar
andaba por lonxe os ollos fuxidos a expresión en ningures.
[...]
Andaba por lonxe ou sentiámolo lonxe
vén ser o mesmo
e no entanto viámolo sempre alí plantado coa inmobilidade absorta
no cepo de carballo veteado de negro
ao que o caruncho comera o miolo
 como as lagartas baleiran as mazás
estrañamente quieto murcho resignado
no seu estraño vagar
os ollos augados nunha tristeza que hoxe me doe
coma unha chamada perdida unha coraxe abortada
A ausencia era tan de mágoa urdida tan de fracaso tinguida
A ausencia era
altiva e desolada altiva e triste sobre todo triste tristeza sen tristeza solemne e irremediada
só agora o sei
[...]




2/9/14

ROSALIA E OVIDIO




A paixón por Rosalía vénme por razóns varias, unhas máis cargadas de obviedade ca outras. O que si terei que confesar é a miña entrega absoluta ás paisaxes que retratou o seu fillo Ovidio. Mesmo intúo similitudes entre os tormentos suxeridos pola pluma e os do pincel. A angustia, a sensación opresiva desa tristura que asfixia, que funde o peito, eu véxoas en versos de Rosalía e nos lenzos do malogrado Ovidio, falecido cando, non cumpridos os trinta, iniciaba un camiño que prometía un grande artista.


E a seguir, os versos da nai.

¡Cal as nubes no espazo sin límites
errantes voltexan!
Unhas son brancas,
outras son negras;
unhas, pombas sin fel me parecen,
despiden outras
luz de centela...
Sopran ventos contrarios na altura
i á desbandada,
van levándoas sin orden nin tino,
nin eu sei pra onde,
nin sei por que causa.
Van levándoas, cal levan os anos
os nosos ensoños
i a nosa esperanza.

Do íntimo, Follas novas


19/7/13

SCIENCE FICTION I




Saramago poeta. Un posible refuxio para os que están  na conca do Miño prisioneiros dun verán que segundo algunhas previsións non ía ser moi bo. Así son as cousas.

SCIENCE FICTION I
 
Talvez o noso mundo se convexe
na matriz positiva doutra esfera.

Talvez no interespazo que media
se permuten segredas migracións.


Talvez a cotovia, cando sobe,
outros niños procure, ou outro sol.

Talvez a cerva branca do meu soño
do cóncavo rabaño se perdese.

Talvez do eco dun distante canto
nacese a poesía que facemos. 

Talvez só amor sexa o que temos,
talvez a nosa coroa, o noso manto.

                                                                                         De Os  poemas possíveis

De flickriver.com
Afortunada cotovía!

13/12/12

RECITANDO A CELSO EMILIO


O 12/12/12 sumámonos como tanta outra xente á proposta da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística de render homenaxe a Celso Emilio Ferreiro cun recitado colectivo de "Deitado frente ao mar"
Algúns de nós xa traballaramos con este poema e con outros textos do autor, o curso pasado. Esta será a nosa derradeira actividade para conmemorar o seu ano.
A preparación foi un pouco atropelada, primeiramente foi a parte artística: cada palabra do poema, decorada, encheu a súa cartolina, miles de cores para o poeta de Celanova. Verdadeiras obras de arte algunhas!
Despois viñeron os ensaios do recitado, precisamente no día que máis frío ía e nós sen calefacción... Pero, fómonos entusiasmando e algún ata tirou a chaqueta cara ao final do ensaio. 
 Chegou a data, algunha confesaba sen pudor os seus nervios despois de recibir un curso acelerado de como gravar. Había que preparar o decorado, tamén a toda présa,  e por fin! Houbo algún problema técnico a maiores, o sitio talvez non foi o adecuado pero aí está o resultado. 
Sentímonos orgullosos de formar parte desta iniciativa, de ser un máis dos moitos centros que se uniron ao acto de defensa  e afirmación da nosa lingua.
Grazas a todo o Blanco Amor: 1º ESO A, B, D, E; 2º ESO A, B, C, D, E; 3º ESO A, C, D; 4º ESO D, profesores e profesoras do Dpto de L. Galega, Pilar de Plástica, Avelina e Ramón. Sen o voso esforzo e entusiasmo nada sería posible. (Prometín citarvos a todos, espero que non me esquecera ninguén)
O videoclip está en posprodución, poderédelo ver pronto en YouTube.