2/9/14

ROSALIA E OVIDIO




A paixón por Rosalía vénme por razóns varias, unhas máis cargadas de obviedade ca outras. O que si terei que confesar é a miña entrega absoluta ás paisaxes que retratou o seu fillo Ovidio. Mesmo intúo similitudes entre os tormentos suxeridos pola pluma e os do pincel. A angustia, a sensación opresiva desa tristura que asfixia, que funde o peito, eu véxoas en versos de Rosalía e nos lenzos do malogrado Ovidio, falecido cando, non cumpridos os trinta, iniciaba un camiño que prometía un grande artista.


E a seguir, os versos da nai.

¡Cal as nubes no espazo sin límites
errantes voltexan!
Unhas son brancas,
outras son negras;
unhas, pombas sin fel me parecen,
despiden outras
luz de centela...
Sopran ventos contrarios na altura
i á desbandada,
van levándoas sin orden nin tino,
nin eu sei pra onde,
nin sei por que causa.
Van levándoas, cal levan os anos
os nosos ensoños
i a nosa esperanza.

Do íntimo, Follas novas


30/6/14

SANTA MARIA DE REZA E AIRAS PAIS




Esta igrexiña, románica  na súa orixe, está a escasos quilómetros de Ourense capital; xa fixen referencia a ela noutra ocasión. É esta terra de viño,cereixas e bos pescos; os mellores coñecedores do río atopábanse aquí, aínda que sempre en rivalidade cos de Canedo, na outra banda. 

Románica é tamén a primitiva imaxe da parroquia, hoxe no museo da catedral de Ourense, e que ten curiosa historia, porque segundo Enrique Bande foi atopada en 1964 baixo un retablo lateral. Fáltalle o neno e foi totalmente mutilada, din os entendidos que para vestila máis facilmente ao ser sacada en procesión. 





Reza xa ten historia, fica dende antigo nos cancioneiros medievais, pois un xograr supostamente de aquí ambientou neste escenario dúas cantigas de amigo. O xograr en cuestión é Airas Pais.



Quer'ir a Santa Maria e, irmanas,treides migo,
e verrá o namorado de bom grado falar  migo;
quer'ir a Santa María de Reça,
u nom fui há mui gram peça.

Se alá foss', irmana, bem sei que meu amig'i verría,
por me veer e falar migo, ca lho nom vi noutro día;
quero ir a Santa María de Reça,
 u nom fui há mui gram peça.




Por vee'lo namorado que muit' ha que eu nom vi,
irmana, treides comigo, ca me dizem que vem i
a Santa María de Reça.

Porque sei ca mim quer bem e porque vem i mui coitado,
irmana, treides comigo, ca sei que vem i de grado
a Santa María de Reça.

Por vee' lo meu namorado, que por mi gram mal levou,
treides comigo, ai irmana, ca mi dizem que chegou
a Santa María de Reça.























































































































































































20/5/14

O MAIO QUE EU LEMBRO



Ultimamente dáme moito por ocupar o tempo libre de que dispoño coa absurda tarefa de rememorar lugares que visitei, persoas que coñecín e non volveron pasar pola miña vida, datas inútiles, acontecementos pasados e en igual medida intrascendentes... Todos, supoño, temos as nosas teimas, as nosas obsesións e os nosos medos.

Un deses lugares é o Alentejo. E un deses acontecementos é unha festa dos maios en que participamos un grupo de nenos. Nin gañamos nin seguramente o mereciamos, pero aínda podo sentir o sabor da decepción. A nosa memoria é ben curiosa. Sempre hai algo que chama á porta da lembranza, neste caso foi o  vídeo e os versos de Curros destes días.



 Aí vén o maio
de frores cuberto
puxéronse á porta
cantándome os nenos
os puchos furados
pra min estendendo
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros

Pasai rapaciños
calados e quedos
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño
eu sonvos o probe:
o povo galego
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno.

Cando eu me atopare
de donos liberto
que o pan non mo quiten,
trabucos e préstemos
que, coma os do abade,
frorezan meus eidos
chegado haberá entón

o maio que eu quero.

Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos:
Un maio sin segas,
usuras nin preitos.
Sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.


Espero sigades collendo con humor todos os olvidos.

1/4/14

REMUÍÑO. DÍAZ CASTRO




[…] Crebouse a paz coma un fío
Nos dentes fríos de abril.
Perdido no remuíño,
Xa non hai piedade para min!

Ti, cabelos de ouro e de  aire,
Nena, en que ceio te vin?
Chuchoume unha meiga os ollos,
Ti xa non es metá de ti. […]

A algún de vós cadráronlle estes versos nesa proposta de ilustrardes poemas de Díaz Castro. Parecéronvos dífíciles, sobre todo, na segunda estrofa. Non o son tanto se lemos o poema enteiro.

Estes son versos anguriados, abril móstrase invernal, non ten a ledicia da primavera. O poeta séntese perdido, xa non lembra, xa non ve o rostro do amor. Nada existe para el, nin o perdón. Con todo lede o poema, veredes que ao final sempre sae o sol.

19/1/14

A ESCRIBIR!


Nestas datas choven as convocatorias de certames literarios. Xa sei que non se pode atender a todo, pero aquí vos deixo a  doutro, o da Asociación Cultural O Facho.


É en homenaxe a Carlos Casares, gañador deste mesmo concurso no ano 68, coa obra A galiña azul, unha galiña diferente non só na cor, senón tamén en que fai cocorocó, e por iso o malísimo Manolito Listón quere matala. Toda a vila a xeito de Gamonal se une entón para salvar a galiña azul. Bonito, non?

18/12/13

BO NADAL TAMÉN NAS INDIAS




A anaconda-güió ten paciencia infinita. Se ole becerro á beira do río, bótase a durmir tranquila. Na punta do rabo ten un cono invertido, groso, un funil duro que serve para atar. A serpe procura unha raíz no fondo, dálle unha volta ao rabo e ata forte. Despois agarda e dorme. O becerro ha ter sede algún día. O facendeiro vacía toros de pau e pon sal aquí e acolá. Ao becerro novo gústalle lamber o sal. Logo bebe, bebe, bebe. A güió sábeo. Cando o becerro entra no lameiro vai desconfiado. A primeira vez a serpe non se move. O tempo vai dando confianza. Un día o  becerro entérrase na lama e vai saíndo pausado, lento, tranquilo. Aí é cando a güió vén pouquiño  a pouco esvarando no fondo, desde atrás, no lusco e fusco do serán. O becerro non se apercibe de nada. De súpeto, sente a corda da forca no pescozo: é a anaconda- güió. Dá unha volta á gorxa do animal e crava os dentes feros no fuciño, nas mesmas fontes do respiro. O becerro apavorado turra de si sen folgos. A serpe estira ata facerse delgada coma un fío. O becerro empurra para diante. Brúa. Volve atrás. A serpe encolle como goma mol. Horas de estira e encolle ata que o becerro  mete o belfo no fango. A anaconda envolve, envolve, envolve. E tritura. Quebra óso a óso. Despois engole o animal enteiro. Sen présa. O tempo non conta. Xa mo dicía Vicente Anzola, o compañeiro: reloxo na selva é tempo perdido.

                                                           A. Avilés de Taramancos, Nova crónica das Indias

Hoxe volvín traballar con este texto. Había xa un tempo que non botaba man del e ocorréuseme presentárvolo como un agasallo. Case me dá a risa, porque, a verdade moi navideño non é, pero éme igual.  Haberaos máis adecuados, non teño dúbida, pero non terán nin a súa maxia nin a súa fermosura.



                 Que os reloxos sexan para todos vós tempo perdido neste nadal!  

28/11/13

A PEDRA DO TANGARAÑO

De panoramio.com
A Concellería de Educación do Concello de Ourense vén de convocar o II Certame de Microrrelato On Line, certame que o noso compañeiro Álvaro Glez Leiro gañou na súa primeira edición. As bases podédelas consultar en Camiño longo. Alí veredes que o tema deste ano son as lendas e supersticións de Galicia.


Eu gustaría de ler un relato inspirado na pedra do Tangaraño. Cada vez que alguén a menciona sinto remorsos e lembro a avoa María. Ela era de Pazos, lugar moi próximo á pedra. Moitas veces me contou como a nai a obrigaba de mociña  a ir ao penedo, e aínda que eran catro irmás, só ela, polo seu nome, era a enviada. E a mociña María agochábase en mil sitios, pero sempre acababa tendo que ir. Nos meus 16 anos era un castigo escoitala e incluso me parecía que xa se lle ía algo a cabeza, cando lle oía algunhas cousas. Como lamento, tantos anos despois, non ter valorado canto me contou!

A avoa vía o seu nome como unha desgraza, porque as Marías que ían ao Tangaraño collían sona de bruxas, os mozos non lles falaban no baile e adoitaban quedar solteiras. E ela quería casar. E casou, e mesmo tivo antes certos amores, pero aí si lle vou gardar o segredo. 

Tres Marías, un caldeiro de cinc novo cheo de pez e roupiña tamén nova para o neno era o necesario no ritual de desentangarañar o meniño que non medraba. A roupa que levaba posta metíase na pez e aparecía a figura do animal ou persoa que o entangarañara. 

 

 Estiven ben veces en Cova de Lobo, pero nunca baixei ao Tangaraño. Sei máis ou menos por onde estaba o carreiro, mais non sei chegar e os que poderían guiarme xa non están comigo. Gustaríame poder crer que agora me  levan da man por outros camiños.