27/5/13

NEGREIRA - OURENSE E OURENSE - NEGREIRA






Ourense, que acostuma máis ben a abafar de calor os seus visitantes, mollou, e ben mollados, os nosos amigos de Negreira que nos visitaron a principios de maio. Por suposto a nós tamén, que non distingue propios de estraños.




Ignacio e Daniel recolleron por escrito as súas impresións dese día en que a climatoloxía nos foi tan adversa.






Un luns de principios de maio produciuse a primeira parte do intercambio entre Negreira e Ourense no que participaban o IES Blanco Amor e o IES Xulián Magariños.
O primeiro encontro cos rapaces de Negreira pareceunos un pouco distante, xa que só os coñeciamos de manter algunha que outra conversa mediante algunha rede social. Este encontro produciuse na ponte romana e dende aí partimos cara ao Campo da Feira. Neste percorrido déronse os primeiro acercamentos entre os rapaces e rapazas de ambos os institutos.
No Campo da Feira comemos o bocadillo nun sitio cuberto con mesas e bancos. Cando acabamos de comer uns rapaces comezaron  a falar, outros xogaban ás cartas ou ao balón, mentres agardabamos que acabasen de comer as profesoras. Cando elas chegaron, comezamos a ruta cara ás termas, uns en bus e outros camiñando baixo a chuvia.
Ao chegarmos a Outariz houbo quen se meteu na auga quente e houbo quen quedou á recollida debaixo da ponte. De volta ao instituto xogamos os partidos de fútbol, que gañaron eles, cunha controvertida arbitraxe. 
Entregóuselles o trofeo e despedímonos con bo sabor de boca e un ata pronto.
 
Seguidamente, Carla e Marina cóntannos como foi a nosa viaxe a Negreira. As fotos que ilustran esta parte do intercambio non llas collemos emprestadas ao Sr. Google, cousa que adoitamos facer e fixemos, nestas dúas de Ourense. Non, estas son nosas, ben, nosas non exactamente, senón de Laura Araújo, pero ela, sempre xenerosa para todo, déixanos poñer que son nosas.



O martes 21 de maio fomos a Negreira. Xa na viaxe de autobús o pasamos ben. Ao chegar, o primeiro sitio ao que nos levaron foi á fábrica de leite Feiraco. Alí explicáronnos un pouco o funcionamento e deixáronnos ver como traballaban algunhas máquinas que envasaban o leite e o gardaban en caixas. Logo asistimos a unha pequena charla sobre o que acababamos de ver e contáronnos a historia da fundación de Feiraco. Ao acabar déronnos batidos e marcapáxinas. A maioría de nós nunca estivera nunhas instalacións deste tipo, así que foi unha boa experiencia.
Despois leváronnos a Ponte Maceira, cunha ponte que se pode relacionar coa nosa ponte romana. A verdade é que era un sitio moi bonito, no que o director do IES  de Negreira, que é historiador, nos explicou cousas sobre o lugar.
Máis tarde leváronnos ao instituto, onde puidemos saudar os compañeiros e tomamos uns bocadillos. Fomos logo ao concello, alí coñecemos o alcalde, ensináronnos as instalacións e agasalláronnos cunha bolsiña con información turística, xa que nestes tempos de crise é o único que nos podían ofrecer. Despois xa fomos comer cos de Negreira ao Auditorio e ao rematar tivemos algo de tempo libre para falar con eles e sacar algunhas fotos. 
E chegou a hora de camiñar, bastante por certo, a un lugar chamado "Refuxio de Covas" e ao chegar, tivemos tamén algo de tempo para falar. Ao regresar ao instituto comezaron os partidos de brilé e fútbol, que gañamos esta vez, déronnos unhas copas e chegou a hora da despedida con bicos e abrazos e de novo ao bus camiño de Ourense. Foi unha boa experiencia , pasámolo todos ben.




Non queremos deixar de dar as grazas a todos os profesores implicados nesta actividade, dun e doutro instituto, á guía de Ourense, e moi especialmente á xente de Negreira que tan ben nos trata sempre que imos alá.



25/4/13

OLLANDO AOS NOSOS ARTISTAS


Lenzo de Xaime Quessada

Parabéns! O noso compañeiro Álvaro González Leiro de 3º ESO C foi o gañador na súa categoría do I Certame de Microrrelato on line: Ollando os nosos artistas.


Caricatura de Vicente Risco




O seu texto  homenaxeaba a obra de Vicente Risco O lobo da xente, sabemos que isto era o que Álvaro tiña en mente, pero alén diso a licantropía inspirou a máis artistas ourensáns, lembremos Romasanta  de Alfredo Conde





Os textos gañadores nas distintas categorías foron seleccionados polo escritor Francisco Fdez Naval e os premios seranlles entregados aos gañadores nun acto no Museo Municipal o próximo 13 de maio. Reiteramos as felicitacións e aquí vos deixamos o texto gañador na categoría de ESO e ESPO.





O LOBO NA XENTE

Escuridade. Non vexo nada… recordo o punto branco na noite… e logo escuridade. Onde estou? Estou morto? Estou vivo? Non podo moverme. Aboio na escuridade. Será esta a miña besta? O lobo… O salvaxe instinto animal que en todos se atopa. Os nosos máis ocultos segredos… Pecados de avaricia, luxuria, envexa… Bestas no interior, lobos na xente. Desexos sinistros da sociedade, da mente colectiva. O que todos desexan e non realizan. O lobo… El non ten control, revela os nosos segredos. Realízaos. Toda a xente ten un lobo. A besta. O instinto. O desexo… Ten o control do corpo, desencadéao á noite. A ambición. O lobo na xente.


ÁLVARO GONZÁLEZ LEIRO, 3ºESO C
IES BLANCO AMOR



23/3/13

O CORAZÓN DE XÚPITER




Novo libro para 3º de ESO, esta vez de Ledicia Costas, e novos temas que se resumen en definitiva nun: adolescencia; pero adolescencia vista dende todas ou case todas as súas caras. Poucas cousas quedan fóra: as difíciles relacións cos adultos e tamén entre vós mesmos, ás veces; a dor, a homosexualidade, as afeccións, as noites de festa, as novas formas de relación a través da rede...

Confío en que será algo máis que o libro de lectura obrigatoria da 3ª avaliación. Xa me iredes 
contando.


17/3/13

NEGREIRA. O NOSO INTERCAMBIO





Un ano máis está previsto que o noso instituto faga un intercambio co IES Xulián Magariños de Negreira. Nós somos os primeiros en ir, así que é ben irse informando un pouco sobre esta vila.



Teño pasado por fóra de Negreira algunhas veces, de camiño á Costa da Morte, pero a verdade é que a penas parei nela. Si sucumbín varias ao encanto da aldea de  Ponte Maceira, con fermosa ponte medieval sobre o río Tambre.







Non sei que nos mostrarán os nosos compañeiros negreireses,  pero aquí quedan algunhas imaxes por cortesía do Google. A razón da estatua de Santiago é porque esta vila está no camiño xacobeo a Fisterra.



 
  Pazo de Cotón

Igrexa de San Pedro de Gonte








Mesmo ten, como vedes, curiosos monumentos. Só nos queda pedir que o tempo axude na nosa visita



8/3/13

DIA DA MULLER

De Literalingua




María das batallas,
levareiche unha frol por cada bala;
i unha cunca de leite
arrebuxada en neve
pra che curar a sede.
¡Sede mortal, varona, a desta patria:
queima no peito con ardente brasa!











Hoxe non teño moito tempo, só quero darvos as grazas por colaborardes nas actividades do Día da Muller.

Cos versos de Lorenzo Varela e o gravado de Seoane reivindicamos as mulleres que perderon mil batallas sen perder a dignidade.










22/2/13

DIA DE ROSALÍA



De elbosqueescrito.wordpress.com

O día 24 de febreiro foi declarado oficialmente Día de Rosalía por ser ese o do seu nacemento hai 176 anos. Respondendo ao pedido da Asociación de Escritores en Lingua Galega, moitos centros fixeron esta semana actividades diversas para conmemorar o 150 aniversario da saída ao prelo de Cantares Gallegos; tamén o noso, logo veredes o que fixeron os doutros grupos.

A nós, entre unha e outras, non nos deu o tempo máis que para  glosar de novo os Cantares, fixémolo á nosa maneira, non sabemos nin o que opinaría ela nin o que opinaredes vós todos. Sede indulxentes!




"Nascin cando as prantas nascen"

 O meu corasón che mando
cunha chave para o abrir
nin eu teño máis que darche,
nin ti máis que me pedir.

Pon a chave no cerrollo,
con coidado de non me ferir,
colle a chave e mira ao fondo,
entre os papeis, ti estás alí.

Traizoaches a confianza,
arranxaches eses papeis do fondo,
olvidándote de min,
nin eu teño máis que darche
nin ti máis que me pedir.

A rosa mustia da entrada,
viuno todo con moita dor,
esa rosa encarcerada
sente a perda da calor.

Xa non quedan papeis,
nin rosa, nin xardín,
xa non queda amor 
nin confianza para ti.  

Tamar Rodríguez (3º ESO A)
















"Nascin cando as prantas nascen"

 O meu corasón che mando
cunha chave para o abrir
nin eu teño máis que darche,
nin ti máis que me pedir.

Así cho digo eu

e mándoche o meu corazón 
así co mando, meu amor,
así mo dita a razón.

O que eu che entrego
non é tesouro nin ten gran valor,
mais o que eu che quero,
non se compara nin co mellor.

Así me despido de ti,
entregándoche o meu corazón,
espero que o acollas ben
e lle deas o teu calor. 

Pablo Lama (3º ESO B)





" Eu ben vin estar o moucho"
Eu ben vin estar o moucho
enriba daquel penedo:
¡Non che teño medo, moucho,
moucho, non che teño medo!

 Ollos que alumean
a escuridade da noite,
penedo agochado
no medio do monte
agardando a alguén
a quen darlle medo,
mais neste penedo 
que ameaza de morte,
está o moucho esperto
no silencio da noite.

Enrique Cardero (3º ESO B)



  
"Como chove miudiño"

Como chove miudiño,
como chove sen parar,
como chove miudiño
preto da beira do mar.

Miudiño chove e no hai que lle facer,
estou en Lestrove e non para de chover.

Miudiño segue chovendo,
chovendo segue miudiño,
rezo para que pare,
e ir camiñar un pouquiño.

Como chove miudiño,
como miudiño chove;
como chove miudiño pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.

Carmen González (3º ESO B)




     
"Campanas de Bastabales" 

Campanas de Bastabales
cando vos oio tocar
mórrome de soidades.

Lémbrome cando vos escoito
da miña terra querida.
E póñome de loito
cando penso na fuxida.

Campanas de Bastabales
a pesar de ser celestiais
ogallá  calar puiderades.

Cando as campás soades
toda unha tarde de amizades
ao pensamento retornades.

Non vos quero máis escoitar
só quero regresar,
á miña terra quero retornar.  

Laura Iglesias (3º ESO A)



"Adios ríos, adios fontes"  

Adios ríos, adios fontes
adios regatos pequenos
adios vista dos meus ollos,
non sei cando nos veremos.
 
Adios miña casiña
que me deu o seu calor;
un calorciño amoroso
que me encheu o corazón.

Adios miña aldea querida,
aldea que me viu crecer;
adios as miñas hortiñas
que me deron de comer.

Adios miña terriña
pronto quero volverte a ver;  
se non volvo axiña
de morriña hei morrer.  

Silvia Fdez (3º ESO A)




  
"San Antonio Bendito"

San Antonio bendito
dádeme un home
anque me mate
anque me esfole.

San Antonio bendito
só pido un home
un home con xeito
un home fermoso. 

Forte e doce
quero que sexa
os ollos verdosos
quero que teña.

Quero un amigo
con quen falar
un compañeiro 
moi leal.

Que case comigo
que sexa bo pai
ter moitos fillos,
doce fogar.

Facerme velliña
ao seu carón
ver os netiños
xogando ao balón.

San Antonio bendito
dádeme un home
anque me mate
anque me esfole.

Tamara Fdez (3º ESO A)
    




"Tan bo camiño ti leves"

Tan bo camiño ti leves
como o caravel levou.
Comeza a túa viaxe
e olvídate de min.

Busca a felicidade noutra parte,
lonxe da miña sombra.
Deléitate coas marabillas deste mundo.

Explora bosques de altas árbores,
sente o vento na faciana,
e escoita os cantares do mar.

Durmirás arroupada pola herba,
coa lúa e as estrelas como gardiás,
que iluminarán o teu camiño.

Amarás intensamente,
e o teu espírito será dobregado.
Serás libre nesta viaxe.

Tan bo camiño ti leves
como o caravel levou.
Comeza  a túa viaxe
e olvídate de min.

Luis Valencia (3º ESO C)