24/9/12

SI, O MEU PADASTRO EN BAÑADOR



"Pablo Neruda"
bdp.org.a
O título é a resposta dunha rapaza a unha das preguntas seleccionadas de El libros de las preguntasO noso último exercicio de creación do curso 2011/2012 ten o seu punto de partida neste libro de Pablo Neruda.

Escollidas 15 preguntas fómoslles dando resposta, somos bastantes, así pois había que ir desbotando e quedar cunha resposta para cada pregunta. Ata aquí eramos inocentes. Eis as preguntas con cadansúa resposta definitiva.

 
1. Onde pode vivir un cego a quen perseguen as abellas?
2. Conta..., a rosa está espida ou só ten ese vestido?
Depende da moda de cada mes.
3. Por que as árbores agochan o esplendor das súas raíces?
Porque son as súas partes íntimas.
4. Quen oe os remordementos do automóbil criminal?
Os cemiterios.
5. Hai algo máis triste no mundo ca un tren inmóbil na chuvia?
Si, o meu padrastro en bañador.
6. Será a vida un peixe preparado para ser paxaro?
Será un peixe con ás e boca redonda.
7. Como se chama ese mes que hai entre nadal e xaneiro?
O mes dos compromisos.
8. Non te enganou a primavera con bicos que non floreceron?
Non, porque nunca os dou en primavera por se acaso  florecen en quen non deben.
9. Que cousa alporiza os volcáns que cospen fogo, frío e furia?
O cabaliño do demo.
10. Que dirá da miña poesía quen non tocou o meu sangue?
Que é unha lectura indescifrábel.
11. Que fai unha mosca encadeada nun soneto de Petrarca?
Ser presa da poesía.
12. Un dicionario é un cadaleito ou un panal de mel fechado?
Ningunha das dúas. É unha casa de palabras brillantes.
13. O catro, ¿é catro para todos?, ¿son todos os setes iguais?
Os números non son o meu.

14. Que distancia en metros redondos hai entre o sol e as laranxas?
A mesma que hai entre a lúa e as mazás.
15. As bágoas que non se choran, ¿ónde irán?
Ao mesmo sitio onde saíron, para poder choralas logo.


De Isidroferrer.com
O seguinte paso foi sinalar a última palabra de cada resposta e chegados a este punto, máis dun experto escritor xa concluíu que esas palabras deberían formar parte dun novo texto, o derradeiro  deste curso, era  xuño e as vacacións estaban aí. Ben, pois á fariña. 


O demo dirixiuse ao ambulatorio. “Cada vez teño máis traballo” pensou, e era certo, porque ultimamente estábase enchendo o cemiterio de xente que merecía marchar con el.

Deben ser xa as seis, este mes non paro de madrugar” Isto tamén era verdade, é no verán e a ninguén lle gusta ter que levar almas condenadas ao inferno en bañador, por iso o dos madrugóns. Pero, por moi brillante e inmortal que sexa un, sempre apetece, máis ca madrugar, tomar unhas mazás desas tan ricas que hai na árbore da tentación.

Cando se situou diante do morto en cuestión, observou o seu rostro, coma sempre indescifrábel. Resultaba que o home escribía poesía e acudira a un compromiso co seu editor cando,  de repente, caeu redondo dun ataque, un infarto. Que como sabía iso? Ben, os mortos falan e o que inventou o dito, por moi mafioso que fose, tiña razón, máis do que cría.

Segunda vítima, mellor dito, segunda e terceira. Dúas amigas íntimas quedan para beber algo e atragóanse co xeo. Curioso!, pero ben, o meu “logo” é que “a cada un lle chega a súa hora”. Algo farían para merecelo.

Antón Seoane 2º ESO E 


As tres gracias 1963. Colmeiro

Era o mes das mazás. Estaba eufórica polo bo tempo e tiña que cumprir o meu compromiso con Paolo. Non me desagradaba demasiado,  pero á fin e ao cabo era un home vello, de pelo cano, engurrado, coas mans a tremer e os ollos temerosos de ver algo que puidese parar o seu xa lento corazón. Tiña que pasar todo o verán con el, coa súa vellez. Os primeiro días, segundo me dixeran, serían horribles, coma se estivese co mesmo demo. Portaríase mal, non comería e polas noites non durmiría nin deixaría durmir. Pero tanto podía ser o demo coma un anxo. Era un home indescifrábel. Realmente habíame gustar ver a súa reacción cara a min.
Cheguei pola noite, coas estrelas  brillantes no ceo. Abríume a filla de Paolo, unha muller gastada polos anos cun anel redondo e enorme no dedo. Detrás dela viña un home con expresión caída. Deben estar verdadeiramente cansos, pensei para min. O home era o marido de Fabiola, a muller gastada, e polo que despois diría Paolo, chamábase Mario. Marcharon deixándome unha libreta cos datos imprescindíbeis de todo o que tiña que facer. Logo de que pecharan a porta, Paolo chamoume. - Xa vou, Paolo, un momentiño! Estaba acabando de colocar as maletas no piso superior. Xa metería as cousas no armario máis tarde. Baixei as escaleiras e fun ata o salón, onde se atopaba el, cuns lentes grandes que lle aumentaban as meniñas e un pequeno libro no colo. - Poderías lelo?, é tan noite que case non vexo.
Díxoo despacio, medio durmido, seguramente triste por quedar só comigo. - De acordo, que páxina queres? - A que máis che guste, todas as frases son fermosas. E así foi. Era un libro de poesía, intentaba ler lentamente e claro para que gozase das palabras, pero nada máis comezar, adormeceu.
- Paolo, Paolo, esperta, tes que durmir na túa cama... Púxose en pé e foi só ata a habitación, realmente estaba forte para ser tan vello.
Tiña pensado levar a Paolo á piscina ao día seguinte, os dous en bañador,  que pantomima! Acto seguido,  saquei as miñas prendas íntimas e coloqueinas nun caixón, perfectamente ordenadas. A maleta xacía baleira baixo a cama e, eu, encontrábame lendo un libro, coas gafas postas e un vaso de auga na mesa de noite. Quedei durmida.
Á mañá seguinte espertei cedo, ás oito. Preparei o almorzo e fun buscar a Paolo para erguelo. Pero... onde está? Escaparía? Non! isto non me pode estar pasando, o  primeiro día e xa non está!
Corrín en bata ata o xardín. Estaba alí, mirando uns paxariños que se bañaban na pequena fonte. Suspiraba melancólico.  - Cando espertaches? A pregunta colleume desprevida.  - Agora, hai dez minutos, respondín. Miroume aos ollos con aqueles lentes tortos. Suspirou de novo, - Fabiola levántase ás sete e xa tiña o almorzo na mesa. E así esta de consumida, pensei eu. - A partir de mañá erguereime ás sete, xúrocho. Sorriu de forma forzada. - Almorzamos? - Claro.
Mentres o faciamos contoume que tiña pensado ir ao ambulatorio esa tarde. Mágoa, arruinoume o plan da piscina. Mañá -dixo- hai un enterro no cemiterio, preto da casa de Xoana. Xoana? Quen podería ser esa tal Xoana? Tanto ten. E de quen sería o enterro? Daba igual.
Pasaban as horas e aburríame. Levei a Paolo ao ambulatorio, alí atopou unha muller, amiga de Fabiola, tocou varias veces a meixela da muller nun xesto estraño, cando marchamos ela parecía estar mellor. - Paolo, que queres facer? - A estas alturas da vida, nada... Que home máis apagado.
O día seguinte fomos ao enterro, non sabía de quen era e desesperábame. Atopamos a tal Xoana, polo visto un antigo amor de Paolo, a ela tamén  lle fixo o xesto na meixela. Que intentaría con iso?
Ao chegar á casa, Paolo deume un agasallo, unha finiña pulseira que comezaba cun peixe rosa, remataba co mesmo peixe e no medio tiña boliñas de cores, verdes e rosas. Foi un detalle precioso, os peixes case parecían brillantes. Deille un bico e fun durmir.
Á mañá seguinte atopei a Paolo adormecido no sofá, ao lado había unha nota no chan. Espertaríao máis tarde. Collín a nota que, cunha perfecta caligrafía,  puña: "Uxía, síntoo moito, pero gastei as miñas últimas forzas na muller do ambulatorio, Fabiola quérea demasiado, e en Xoana, quéroa máis ca a nada. Paseino moi ben contigo, aínda que foron poucos días, non te entristezas, por favor. Utiliza a pulseira coas persoas que queiras, só terás que apertar un pouco as súas  meixelas. Grazas de todo corazón. Paolo"
Chorei, chorei coma nunca, dera a súa vida por elas, sen pensalo, apertei as  súas meixelas con forza, sentínas frías, estaba morto. Chamei a filla e encargouse de todo. Eu non puidera impedir que pasara todo iso...

Tamar Rodríguez (2º ESO E) 


Imaxe do blog de Arturo Borra

A poesía é unha dama,
unha dama en bañador,
que toma o sol en praias indescifrábeis
mes tras mes.
Unha dama á que lle contamos
as nosas inquedanzas máis íntimas.
Unha dama de brillantes,
que refulxe cal estrela,
redondo ollo de cristal.
Unha dama sen compromisos,
un espírito libre,
tan intocábel como as mazás da Espérides.
Unha dama que te controla,
demo da mente e da beleza,
que vai aos cemiterios para ler as lápidas.
Unha dama terríbel
que te pode mandar ao ambulatorio
convertido en tolo inútil.
Unha dama festeira,
que baila núa polo meu maxín.
Unha dama que logo de bailar,
repousa sobre ás de anxo,
soñando con fermosos versos.
Unha dama á que deben adorar e temer.

Luis Valencia (2º ESO E) 
  

20/8/12

DE CABRAS E DE ROTUS

alt1040.com

O binomio fantástico é  unha técnica de creación literaria que nace da asociación entre dúas palabras que debe resultar  estraña, insólita. Canto máis afastada sexa a relación, mellor, para que a imaxinación se poña en movemento. Deste xeito o explicou Gianni Rodari na súa Gramática da fantasía. 
O mellor método para atopar esas palabras é o azar. Na aula, nós, fomos dicindo palabras uns atrás dos outros, por suposto sen saber para que, e de repente alguén dixo "cabra" e outro a seguir "rotulador". O binomio estaba creado, só tiña que rolar a fantasía.


artelista.com

“Filloas, cabras e rotus”

Estaba sentada na cadeira do meu cuarto, intentando facer os deberes. Para cando rematase xa serían as nove e media, pero aínda tería un pouco de tempo para estrear o novo encerado. Era branco, de plástico, moi pequeno e levaba no lado dereito un rotulador. Pensei durante un anaco que debuxar, pois se quería estrealo tiña que ser cun debuxo fermosísimo, pero, como non se me ocorreu outra cousa, debuxei unha cabra, simplemente.
Cando comecei o trazo, o rotulador deume un chimpo nas mans e del emerxeron unha chea de faíscas , moi pequerrechas e de moitas cores. Pensei que toleara polo sono que tiña, pero non foi así. Cando acabei o debuxo, a cabra saíu do encerado, branca e coa mirada perdida.
Collín aire moitas veces, que lle diría á miña nai? E onde ía gardala? Pensei rápido e volvín coller o rotulador, debuxei unha gaiola moi grande, o suficiente como para que entrase a cabra. En canto apareceu a gaiola, a cabra meteuse dentro e a porta pechouse, eu tivera a molestia de debuxarlle unha cunca con auga e comida, pero para a miña desgraza a cabra comezou a emitir sons que non son quen de explicar, pero semellaban berros, berros altos e demasiado estrondosos para a miña habitación. Agora si que estaba aviada!, que ía facer? A gaiola era moito máis grande cá cabra e xa podía oír os pasos da miña nai achegándose.
Debuxei un cadeado cunha chave e púxenllo á porta do cuarto, miña nai tentou entrar, pero foille inútil, preguntoume se estaba estudando e díxenlle que si. Os seus pasos afastáronse. A cabra estaba sentada na gaiola, mirándome expectante por ver que facía. Collín o rotulador e pensei que podía facer para saír daquel lío. Debuxei unhas filloas de chocolate, non podo pensar se estou famenta. A cabra deu un par de couces no chan da gaiola e achegouse a min todo o que podía. Quería as miñas filloas! Deille dúas, e se non estaba satisfeita, que se amolara, eu tamén tiña fame.
Cavilei durante moito tempo e decidín abrir a gaiola, a cabra sentou ao meu lado. Meee! –beou a cabra-. Cala, ou queres ter que irte! –díxenlle- A cabra mirou as filloas e Meee –beou moito máis alto-  Vale, tómaas, pero cala, por Deus! Me! –Dixo moi baixiño-, tomeino como un “grazas”. Se quería librarme dela, tería que esperar a que miña nai durmise e saír pola porta de atrás.
Xa eran as once e a miña nai roncaba. Collín a  cabra e ateille unha corda ao pescozo. Saímos amodo, intentando non facer ruído. Eu levaba o encerado e o rotulador nunha bolsa, por se acaso tiña que debuxar, eu que sei, unha ponte para cruzar o río ou algo polo estilo.
Cando chegamos á fraga sentei no chan, de camiño tivera un par de ideas, pero facer cabra de cea parecíame algo cruel. O animal lambeume a cara, aínda ía ser que non quería marchar!
Xa está! –berrei- Collín o rotulador e o encerado, se co rotulador podía traer a cabra, cun borrador podería gardala e traela cando me petase. Xenial, así non terás que irte! Agarrei un trapo que estaba nunha póla, pero antes rodeei a cabra cun círculo, nun debuxo do encerado. Borrei e a cabra desapareceu. Fixen unha proba para traela de novo e saíume ben.
Así, todos os venres ceo filloas de chocolate cun rotulador e unha cabra. 

Tamar Rodríguez (2º ESO E)

Casas e árbores , Mª Antonia Dans


Sen título posible

Ía un bo día, un deses días de primavera tan alegres, e o pastor ía asubiando polo monte, acompañando as súas cabras, aínda que xa tiñan o camiño ben aprendido.

O pastor tiña moitas e sobre todo, moitos tipos de cabras: negras con pintas brancas, brancas con pintas negras... pero, por estraño que pareza, só unha era totalmente branca e como o home era de mente sinxela, con todo o atino do mundo chamoulle “Branquiña”

Pola outra parte da historia, a de Branquiña, pouco hai que contar, salvo que ela quería, desde que se viu a única sen manchas, ser pinta como as demais. Intentouno manchándose, mollándose e mesmo rañándose contra unha árbore queimada, pero só vía solución nun rotulador permanente.

Cando o encontrou púxose moi contenta, pero despois pensou: “Como o collo e me pinto?” Foi xunto o pastor e díxolle que a pintase, pero estrañamente o pastor mirou para ela e non lle fixo caso, coma sempre.

Que quererá esta agora que non para de bear cara a min –pensou o home. Como Branquiña tampouco o entendía moito a el, seguiu beando cada vez que pasaba por onda o pastor, pero se algunha vez conseguiu que a entendese nunca o saberemos.

Antón Seoane (2º ESO E)


Imaxe do blog de Nádia D.


Como Ink coñeceu a Rosario



Bos días. Chámome Ink. Son amante do debuxo. Paso todos os días debuxando, pero antes os meus debuxos eran garabatos sen calidade artística. E vós preguntaredes: Por que? Por que Ink debuxaba tan mal? Pois a resposta é que era obrigado a debuxar así de mal. Que quen me obrigaba? Chámase Anxiño, ten cinco anos e ódioo profundamente. Despois disto xa deduciriades que son un rotulador (aínda que tamén podería ser un lapis). Mido 15cm, peso 50g e son de cor azul. Nacín en Alemaña, nunha fermosa fábrica de montaxe, xunto aos meus miles e miles de irmáns. Metéronme dentro dunha caixiña de plástico que á súa vez meteron xunto a outras moitas caixas iguais nunha caixa máis grande de cartón que meteron xunto a outras caixas iguais nun avión.


Miniaturas de  R. Dans



Cando aterramos en Santiago mandáronme á papelaría Loli, onde me mercaron os pais de Anxiño. Levaba xa unha semana alí e non o aturaba máis. Por fin deixou de debuxar e durmiu. Esta é a miña oportunidade. A ventá estaba aberta e sen dubidalo tireime ao baleiro. “Este Ink quérese suicidar” estaredes pensando. Pois non. É que estes sopragaitas sen talento viven nun baixo con xardín, e con can. Esquecín o can. Estame comendo con cara de esfameado e antes de que puidese dicir “Socorro!” xa me papou. Non vos vou contar o que vin no interior dese animal por razóns obvias. O que si vos vou dicir é que Lopi, o can, escapou da casa un día de Semana Santa e non sei por que rematou nunha granxa a 100Km da casa dos sopragaitas. Alí foi onde, por así dicilo, me liberou. Aínda me quedan secuelas psicolóxicas daquilo. Grazas a Deus preto da granxa había unha laguiña e alí me lavei e me puxen bonitiño e brillante. Como non tiña outro sitio onde ir metinme na corte e durmín sobre as pallas. Espertoume algo grande e branco con cornos e uns olliño rosas fermosísimos. Era unha cabra. A cabra dixo:

-          Quen es guapo?
-          Son Ink, guapa.
-          E que fai un rotulador coma ti nun sitio coma este?
-          Estaba de viaxe e pasei por aquí.
-          Pois que sorte tiven!


Xa imaxinaredes o que pasou despois. Rosario (a cabra) e eu vivimos un apaixonado romance e decidimos fugarnos xuntos. Un día en Venecia (tardamos moitísimo en chegar) preguntoume se podía facer un debuxo comigo. Cómo lle ía dicir que non á cabritiña dos meus soños! Ao rematar o debuxo quedei abraiado. Representaba unha paisaxe de Venecia e a calidade era impresionante. Despois diso non podía permitir que o talento de Rosario se botase a perder. Presentei os debuxos nunha exposición e foi todo un éxito. Agora somos millonarios, vivimos nunha mansión e temos sete preciosos cabritiños de cor azul.
Aquí remata a miña historia, pero seguro que aínda nos vedes a Rosario e a min na tele. Ata pronto! 

Luis Valencia (2º ESO E)

1/8/12

O HOME DO CALCETIN



De arteneus.com


Idénticos comezos poden levar a finais ben diferentes, iso pasa na vida e na literatura, e os nosos exercicios co Home do calcetín son boa mostra disto. A nós chegou o principio dun relato con ese título e a proposta era continualo, se queredes saber como nos foi, aquí deixamos tres solucións diferentes á curiosidade do homiño.


De escribiendoporlibre.blogspot.com

Había unha vez un home que vivía nun calcetín. Era pequeniño, pequeniño... Todo o seu mundo era aquel calcetín. Pero os soños que enchían aquel mundo comezaron a se esgotar, o homiño aburríase: os mesmos olores, os ruídos de sempre...
      -Haberá algo fóra do meu calcetín?- preguntábase.
     E empezou a percorrer o seu, ata agora gran espazo. Todo parecía igual, pero, ah! o tempo desfiañara o recuncho da deda gorda ... Unha raiola de esperanza, de luz descoñecida aló ao lonxe, picou a súa curiosidade... Asomou a cabeza e, sen pensalo dúas veces deu pulo e chegou ao chan. Todo era moi grande aló afora.
    -Hai alguén aí!-berrou
     Só o eco respondía: aí, aí, aí...
Todo era descoñecido para el, había unha luz que proviña de moi arriba que o cegaba. O home estaba abraiado pola paisaxe que o rodeaba. Desde o cume da montaña na que estaba podíase ver perfectamente os campos verdes, as casas das aldeas e a xente traballando.  O home tan curioso decidiu baixar pola montaña para ver como era todo, que eran esas cousas que se movían, por que había tanta luz…

Baixou e pronto aclarou as súas dúbidas, pero non era como el esperaba, a xente debía ser cen mil veces máis grande ca el, acercouse a unha ventá e viu como dous nenos pelexaban por un estraño obxecto que tiña forma de persoa, pero que era tan pequeno coma el, ao obxecto non parecía importarlle, a súa cara non cambiaba de expresión, só se limitaba a estar quieto e que os rapaces executasen por el os movementos.

De repente sentiuse un olor, non estaba seguro de que era pero proviña da cociña, unha muller vella berrou forzando a súa voz “A comer!”. Nenos e adultos correron á mesa a sentar. O noso homiño sentiu de súpeto como unhas cóxegas no pescozo ou sería que o estaban agarrando –pensou- , pero daquela xa estaba nun lugar escuro onde tiña como compañeiros dúas moedas e un caramelo pegañento, aquilo facíalle lembrar a súa casa. Máis tarde o neno sacouno do peto do pantalón e pousouno sobre as mans. Preguntoulle acto seguido con cariña de fedello quen era e que facía na súa casa. O home do calcetín respondeulle que non sabía  –e era certo- como acabara nas mans dun neno tan pequeño. O cativo respondeu a berros que non era pequeño, que pequeno era o noso homiño   -e tamén era certo-.

O home do calcetín tratou de ignoralo, pero foi inútil o neno comezou a xogar con el coma cun boneco, ao homiño tanto movemento non lle gustou, comezaba a marearse, así que colleu e mordeulle a man. O neno berrou pero debeu facer efecto a trabada porque o  pousou suavemente sobre a mesa da cociña e fíxolle máis preguntas, ás que o home foi respondendo. Díxolle que vivira sempre nun calcetín e que por iso todo lle parecía estraño. O neno pareceu comprendelo, fitouno seriamente e díxolle : “Eu sei onde hai máis coma ti” . “Máis coma min que?” –Pensou o home sorprendido-.

O rapaz pediulle que o seguira e á noitiña, levouno debaixo dunha ponte, comezou a facer un ruído raro coa boca e miles de persoas coma o home do calcetín xurdiron de non se sabe onde. O homiño despediuse do seu amigo xigante e marchou cos seus que rapidamente o acolleran.

- Riiiinnnngggg!

- Mamá! Tiven un soño fantástico soñei que vivía fóra do calcetín. Había familias, casas, terras, animais…

- Que parvada! Anda home, deixa de soñar, iso non existe, fillo, fóra do calcetín non haberá nada ou será todo horrible.

Eva Feijoo (2º ESO A) 


De clubcaza.com


        Había unha vez un home que vivía nun calcetín. Era pequeniño, pequeniño... Todo o seu mundo era aquel calcetín. Pero os soños que enchían aquel mundo comezaron a se esgotar, o homiño aburríase: os mesmos olores, os ruídos de sempre...
      -Haberá algo fóra do meu calcetín?- preguntábase.
     E empezou a percorrer o seu, ata agora gran espazo. Todo parecía igual, pero, ah! o tempo desfiañara o recuncho da deda gorda ... Unha raiola de esperanza, de luz descoñecida aló ao lonxe, picou a súa curiosidade... Asomou a cabeza e, sen pensalo dúas veces deu pulo e chegou ao chan. Todo era moi grande aló afora.
    -Hai alguén aí!-berrou
     Só o eco respondía: aí, aí, aí...

A sala estaba alumeada pola luz do sol que pasaba a través do vidro das ventás. O pequeno home quedou abraiado por este fenómeno, xa que nunca vira directamente a luz do sol, sen filtrarse entre os fíos da tea do gastado calcetín. Ao fondo atopou unhas escaleiras, polas que descendeu bruscamente. Atravesou un par de estancias, ata que chegou ao xardín da casa.

-Isto é incrible! Que cantidade de cores! – exclamou cun sorriso de orella a orella.

No xardín atopou cousas que nunca alcanzara a imaxinar: as flores cos seus doces aromas e esas cores fascinantes, as árbores e os seus froitos...

A fina brisa que percorría o lugar encheu os pulmóns do pequeno home, atrapándoo cos seus agarimos.

No medio do xardín había un estanque de auga cristalina no que un parrulo gozaba da calor do sol. O home vía o parrulo coma un monstro xigantesco sacado dalgún conto ou lenda infantil.

Xa entrada a tarde, o dono da casa regresara e o home pensou se marchar a descubrir as marabillas que agardaban aló ao lonxe ou volver ao calcetín de todos os días.

Saíu rapidamente da casa antes de que o dono o atopase. Ao virar a cabeza contemplou como a porta se pechara. Comezaba a súa aventura.

Pola noite descansou nunha parte do monte libre de árbores. Estivo impresionado ao ver as estrelas co seu cálido alumeo na fría escuridade da noite. Xa non aguantaba máis tempo esperto, así que pechou os ollos e dispúxose a durmir.

Un tremor espertouno no medio da noite. Mirou con espanto o ceo cuberto por nubes negras coma o carbón. Ata que, de pronto, xurdiu da nada unha luz intensa e de forma irregular. Un lóstrego. Segundos despois, un son espantoso bota atrás o home de tan forte que foi o susto.

Saíu correndo en dirección á casa na que vivira ata a tarde do día anterior. As pingas, ou máis ben riadas de chuvia, dificultaban o regreso ao fogar. O camiño estaba cortado pola auga. Pero o home ideou un plan. Colleu unha folla no chan e un pequeno pau, botou a folla á auga e subiu nela, empregando o pau como remo. Baixou minutos despois e pisou terra firme. Estaba xusto detrás da casa. Por iso tivo que entrar pola porta de atrás do xardín, que aínda non visitara e que por sorte estaba aberta.

Ao entrar atopou unha desagradable sorpresa...

-Un can! –exclamou mentres corría ao interior da casa.

Regresou de novo ao interior da vivenda e meteuse outra vez no calcetín. Grazas á calor da cheminea secou rápido.

-O mundo exterior é un perigo, prefiro o meu calcetín –dixo para si.

E estivo feliz o resto da súa vida no calcetín (con algunha que outra visita ao xardín)

Enrique Cardero (2º ESO A)




        Había unha vez un home que vivía nun calcetín. Era pequeniño, pequeniño... Todo o seu mundo era aquel calcetín. Pero os soños que enchían aquel mundo comezaron a se esgotar, o homiño aburríase: os mesmos olores, os ruídos de sempre...
      -Haberá algo fóra do meu calcetín?- preguntábase.
     E empezou a percorrer o seu, ata agora gran espazo. Todo parecía igual, pero, ah! o tempo desfiañara o recuncho da deda gorda ... Unha raiola de esperanza, de luz descoñecida aló ao lonxe, picou a súa curiosidade... Asomou a cabeza e, sen pensalo dúas veces deu pulo e chegou ao chan. Todo era moi grande aló afora.
    -Hai alguén aí!-berrou
Só o eco respondía: aí, aí, aí...

O que o rodeaba era un salón, para el un espazo descomunal: sofás, cadeiras, mesas... todo alí tiña proporcións sobrehumanas. Proseguiu o seu camiño polo salón cando de repente viu algo acercarse a el a toda velocidade. Cando o tivo case pegado viu que era un can cunha espesa pelaxe da cor do acibeche e uns ollos coma pratos. O homiño morto de medo non sabía que facer nin que dicir, sen darse de conta comezou a berrar:

- Socorro, socorro, socorro!

Ante semellante berridos o can comezou tamén a ladrar, asustando aínda máis o noso homiño que parou de berrar cando escoitou unha pasadas que facían que o chan retumbara.

Pola porta entrou unha meniña loura cunha boneca nos brazos. Para el aquela meniña era un xigante, pero a súa beleza engaiolouno. Non podía parar de mirala nin un segundo, olvidouse completamente do can e do medo que lle tiña. A meniña acercouse a eles. Canto máis cerca a tiña máis o impresionaba. Ela estrañada de ver ese ser que ata daquela só vira nos contos quedouno mirando sen mover un músculo. El non sabía que facer, estaba nervioso pola presenza dela e esvarou e caeu ao chan. A nena sorriu cando o viu caer. El pensou que era o sorriso máis doce que vira en toda a súa vida, aínda que poucos tiña visto, dado que era a primeira vez que saía do calcetín. A meniña, con moitísimo coidado, colleu o homiño entre as súas mans. El cada vez máis nervioso dixo:

- Bos dí... días prin...cesa debo, debo presen... presentarme, son Azul... Azulón o Magnífico.

Ela polo que tatexaba non podía parar de rir. O homiño avergoñado acabou por rir tamén.

A porta abriuse, eran os pais da nena. Ela correndo gardou o homiño no peto con moito xeito. De alí en diante ela coidaríao coma se fose o seu máis prezado ben. Que máis podería pedir Azulón, a súa princesa coidaría del para sempre.

Sara Díaz (2º ESO A)

16/7/12

OLLADAS


Imaxe de Male



Ata o de agora todo o que vos ofrecemos foi poesía, e aínda que estamos de acordo con quen dixo que a poesía ten a virtude de, no medio do sufrimento e o desamparo, acender unha luz,  tamén a prosa ten luz propia. É por iso que desta vez lle dedicamos o noso (pasa)tempo a ela. Coma todo, depende do momento, do lugar, do que sexa que dependa.

A foto da cuberta dun libro ten que ser unha invitación a mergullarse na lectura, pero pode ser moito máis, pode suxerir outra historia, miles de historias, tantas coma olladas se pousen nela. Aquí vos presentamos outro xogo, Blanco Amor púxonolo realmente fácil.


Imaxe de Trafegando Ronseis



Para este traballo eliximos a dunha das edicións de A esmorga por varias razóns: a súa beleza, por recoller a esencia da nosa cidade co río e as tres pontes simbólicas, por ser da autoría de Blanco Amor quen ademais dá nome ao noso instituto e porque en definitiva nos gustou. Se non sodes de por aquí dirémosvos que a varanda é a da Ponte Vella e, ao fondo, divísase a Ponte Nova e a do Viaduto. Esta é unha imaxe que vemos todos os días,  o noso barrio está dunha  beira do río, e na outra, o resto da cidade, como vedes se a alguén lle interesan as pontes é a nós. Esta é a portada e estes algúns dos resultados. 



"Bañistas no Miño"(1960) Conde Corbal

“Boas tardes, don Eduardo”

Chámome Xosé e vivo na rúa.
Vivo aquí dende xa nin me lembro, desde que non puiden pagar o alugueiro da miña casoupa e me desaloxaron. Traballaba na fundición das Lagoas, traballaba moito e cobraba pouco, coma todos, pero o suficiente para comer e pouco máis. A fundición pechou e se a miña vida non pintaba ben, sen un tellado por riba, aínda peor.


 Capela dos Remedios
alcouzo.blogspot.com
Todo o que teño lévoo posto, a pucha é nova, deuma como esmola un home máis afortunado ca min. Sempre me gustou a música, aprendín de oído de rapaz, cun músico alá na miña aldea. Este acordeón merqueino cos meus “aforros” un ano que a xente estaba ben xenerosa.
Sobrevivo tocando na Ponte Vella ou pedindo á porta da Igrexa dos Salesianos ou da Capela dos Remedios. Poderame dicir que son un home sen sorte, pero téñoos visto con menos aínda. Espero que lle atopen utilidade, vostede ou quen sexa,  a tanto papel como leva escrito.
Nese momento óese unha campá, Xosé érguese e facendo un aceno coa pucha di:
- Ben, don Eduardo, marcho, empeza a misa, a ver se hai sorte.
- Que a teñas, Xosé. Adeus.

Antón Seoane (2º ESO E)



“Os noivos das augas”


"De profundis" Miguelanxo Prado
Imaxe de  maumaunderground.com

O sol empezaba a agocharse tras o horizonte. As augas do Miño comezaban a tinguirse dunha cor laranxa dourada moi fermosa. Un vello acordeonista tocaba unha melodía cuxas notas voaban caprichosas polo aire. Unha moza loura camiñaba sobre a ponte. Levaba un vestido branco, sen mangas, e ía descalza. Situouse nun dos balcóns de ferro que sobresaen da ponte e contemplou o río. O acordeonista, sen deixar de tocar, observouna en silencio, pensando que era unha das mozas máis bonitas que vira nunca. Os seus ollos verdes parecían reflexar unha gran tristura. De pronto, un mozo apareceu correndo dende un dos extremos da ponte berrando “Elíade, Elíade!” sen cesar. A moza mirouno e tirouse dende a varanda ao río, xusto antes de que el chegase ao balcón. No lugar onde caeu a moza comezaron a formarse unhas burbullas como se a auga fervese. O mozo decepcionado golpeou con forza unha das pedras da ponte e, entre xuramentos, marchou de alí. Todo aquilo sucedera diante do vello acordeonista, que se deu de conta de que o mozo choraba e as súas bágoas eran transportadas polo vento. Tras aquilo pensou que o mellor era prepararse para durmir, xa que comezaba a ser noite. Utilizando a funda do acordeón como almofada, decidiu esquecer todo aquilo e descansar.
 Pero ao día seguinte a moza volveu aparecer, xusto á mesma hora. Tamén volveu o mozo, pero, ao velo, a rapaza somerxeuse outra vez nas augas do Miño. Este suceso repetiuse durante unha semana, sempre observado polo vello acordeonista, que nunca lle atopaba sentido ao asunto.
 Mais unha noite, cando o vello xa se dispoñía a durmir, o mozo chegou á ponte, colocouse no balcón desde o que se tiraba  a rapaza e, sen abrir a boca, botouse ao río. O vello correu ata o balcón por ver que lle sucedera ao mozo. Aínda que aos seus anos coidaba que era imposible xa que algo o  sorprendese,  o que viu deixouno sen fala. Do río estaba xurdindo unha columna de auga e no seu cume estaba a moza loura. Desta vez levaba unha túnica azul e o seu cabelo volvérase verde. Parecía unha raíña contemplando os seus dominios. Outra columna xurdiu ao lado da primeira e, sobre ela, o mozo. Os dous colléronse das mans e tiráronse ao río.



O vello regresou onda o seu acordeón e antes de gardalo tocou unhas cantas notas mentres lembraba unha historia que oíra de neno sobre unha fermosa muller que vivía nas axitadas augas do Miño, xusto debaixo do arco da Ponte Vella.


Luis Valencia (2º ESO E)