27/6/15

ENTRE MIRTOS E LOUREIROS...





Mirtos, loureiros, campanillas e as súas adoradas hortensias, coas que tantas veces adornou Camiño longo recibirán agora caricias máis demoradas.

Coñecina de mociña por breves tres meses, pero ela non se lembra. Logo, despois de anos, as voltas da vida volvéronos xuntar. De aí en diante compartimos traballo docente, enfermidades familiares e felices nacementos. 
Tiven a tentación de agasallarvos cun retrato seu aos que a seguides na rede, pero abandonei a idea. Foi sempre muller tímida e discreta no profesional e no persoal, que só quere mostrarse a través das súas fotos de árbores, flores e penedas. Con todo aceptade a miña palabra de que é enteiramente fermosa.
Neste San Xoán, que para min foi de senlleiras despedidas, teño que dicirlle adeus á presenza cálida e diaria de Marina. E talvez, talvez non me vai ser fácil. Como xa dixo ela, poderémola seguir atopando no seu blog, aí seguirá traballando pola  lingua; nas aulas e nos corredores xa non. É un camiño que ela meditou moito e decidiu emprender, pero non soa. Que teñades os dous feliz viaxe.

 Ninguén está perdida nesa hora
cando o vento sopla
e hai unha lúa vertical, noviña,
que envolve de misterio os perfís.

Xohana Torres, Estacións ao mar.

25/4/15

PALABRAS QUE FEREN






"Haber" é un verbo, "a ver" é mirar, "Haver" non existe. "Hai" é haber; "aí", un lugar;  "ai", exclamación. "Ahí" e "haia" non existen. "Haxa", de haber; "acha", de encontrar; "aia", a que coida o neno. "Ía", de ir; "ive", o imposto. "Iba" e "iva", non existen. "Valla", de valer; "vaia", de ir e "baia", un froito.

A idea non é miña. A amiga dun amigo tíñao colgado no seu "muro". Eu só o adaptei. Dicía que loitaba contra o "terrorismo lingüístico"; eu non lle chamaría terrorismo, pero ás veces hai palabras que feren, polo menos á vista.

12/2/15

LEDICIA COSTAS NO BLANCO AMOR


Moi de vez en cando vénnos un agasallo disfrazado de casualidade. Algo así me pasou a min esta mañá de xoves. Man con man, Olga Novo e Ledicia Costas presidían un salón cheo de alumnos de 1º de ESO que, inquedos e curiosos, demandaban da autora de Recinto gris unhas respostas tan precisas que nin sequer os propios creadores son quen de dar ás veces.

Gustoume a cercanía da escritora, gustáronme as cuestións que lle formularon os rapaces e a sinxeleza e calidez dun acto que temperaron o noso salón, sempre xélido. Sei que Marina , organizadora do encontro, daría algo por poder estar hoxe connosco; pero, aínda non podendo ser, o seu traballo víase por toda a parte. Às profesoras de 1º, a Olga e por suposto, aos protagonistas, Ledicia Costas e alumnos, os meus parabéns.  



31/12/14

MEMORIAS DUN NENO LABREGO



Hai unha chea de anos a nosa profesora de Lingua mandounos ler Memorias dun neno labrego. Eu son desa xeración que se iniciou na lectura en galego con esta obra. Para min ten por tanto un valor afectivo que hai que engadir ao do propio texto.
Anos despois vinme eu mesma na tarefa de ter que escoller unha lectura para os meus alumnos. Nunca me decidín pola historia de Balbino. Sempre lle tiven medo. Se eu, que me criara no perímetro rural da cidade de Ourense, xa non partillaba máis ca algunhas vivencias do neno, como veriades vós ese mundo. Quizais non desexaba averigualo.
Este ano alguén máis valente ca min propuxo o libro. Sígolle tendo medo, pero agora xa coa esperanza de que ao ler vexades que o neno foi máis alá do seu tempo e do seu contexto. Que as memorias son unha homenaxe ao noso país, a un xeito de vida e á nosa dignidade como galegos. A dedicatoria do autor di: A todos os nenos que falan galego. Gustaría de que vós vos sentísedes incluídos.
Información sobre a obra aquí


30/11/14

TIJERADEORO, UN XASTRE FILLO DOUTRO XASTRE


Tijeradeoro, o pai

Tamén me tiven que valer do Tijeradeoro, que era un xastre, fillo doutro xastre, compañeiro de agulla do Milhomes... Páx. 9. Galaxia, 1978.



Esta entrada leva meses facéndome as beiras, pero non colleu forma ata agora. Agora si é tempo. Quero unir as miñas palabras ás que se dirán mañá en San Francisco, nomeadamente ás dos meus alumnos. Esta é a miña homenaxe a Blanco Amor. Para ser xustos, nin sequera é enteiramente miña; fíxoa posible a xenerosidade da familia do Tijeradeoro, en concreto a dun neto seu, gardián das historias familiares. Foi el quen me fixo chegar as fotos, quen me contou que o Tijeradeoro naceu e viviu sempre na Rúa da Paz na veciñanza de insignes ourensáns como Risco e Otero, e preto do propio Blanco Amor.

Tijeradeoro, o fillo

E aínda que morreu novo, o seu nome pervivirá con todo o dereito, pois o autor d´A esmorga quixo citalo como fonte dun dos textos cume da narrativa do século XX.     

2/9/14

ROSALIA E OVIDIO




A paixón por Rosalía vénme por razóns varias, unhas máis cargadas de obviedade ca outras. O que si terei que confesar é a miña entrega absoluta ás paisaxes que retratou o seu fillo Ovidio. Mesmo intúo similitudes entre os tormentos suxeridos pola pluma e os do pincel. A angustia, a sensación opresiva desa tristura que asfixia, que funde o peito, eu véxoas en versos de Rosalía e nos lenzos do malogrado Ovidio, falecido cando, non cumpridos os trinta, iniciaba un camiño que prometía un grande artista.


E a seguir, os versos da nai.

¡Cal as nubes no espazo sin límites
errantes voltexan!
Unhas son brancas,
outras son negras;
unhas, pombas sin fel me parecen,
despiden outras
luz de centela...
Sopran ventos contrarios na altura
i á desbandada,
van levándoas sin orden nin tino,
nin eu sei pra onde,
nin sei por que causa.
Van levándoas, cal levan os anos
os nosos ensoños
i a nosa esperanza.

Do íntimo, Follas novas


30/6/14

SANTA MARIA DE REZA E AIRAS PAIS




Esta igrexiña, románica  na súa orixe, está a escasos quilómetros de Ourense capital; xa fixen referencia a ela noutra ocasión. É esta terra de viño,cereixas e bos pescos; os mellores coñecedores do río atopábanse aquí, aínda que sempre en rivalidade cos de Canedo, na outra banda. 

Románica é tamén a primitiva imaxe da parroquia, hoxe no museo da catedral de Ourense, e que ten curiosa historia, porque segundo Enrique Bande foi atopada en 1964 baixo un retablo lateral. Fáltalle o neno e foi totalmente mutilada, din os entendidos que para vestila máis facilmente ao ser sacada en procesión. 





Reza xa ten historia, fica dende antigo nos cancioneiros medievais, pois un xograr supostamente de aquí ambientou neste escenario dúas cantigas de amigo. O xograr en cuestión é Airas Pais.



Quer'ir a Santa Maria e, irmanas,treides migo,
e verrá o namorado de bom grado falar  migo;
quer'ir a Santa María de Reça,
u nom fui há mui gram peça.

Se alá foss', irmana, bem sei que meu amig'i verría,
por me veer e falar migo, ca lho nom vi noutro día;
quero ir a Santa María de Reça,
 u nom fui há mui gram peça.




Por vee'lo namorado que muit' ha que eu nom vi,
irmana, treides comigo, ca me dizem que vem i
a Santa María de Reça.

Porque sei ca mim quer bem e porque vem i mui coitado,
irmana, treides comigo, ca sei que vem i de grado
a Santa María de Reça.

Por vee' lo meu namorado, que por mi gram mal levou,
treides comigo, ai irmana, ca mi dizem que chegou
a Santa María de Reça.