Pretendemos en principio que coñezades algúns dos nosos traballos de aula, pero non sabemos moi ben que derroteiros tomará isto, que sexa onde as marés nos leven. Por suposto estades todos invitados a acompañarnos.
19/1/14
A ESCRIBIR!
Nestas datas choven as convocatorias de certames literarios. Xa sei que non se pode atender a todo, pero aquí vos deixo a doutro, o da Asociación Cultural O Facho.
É en homenaxe a Carlos Casares, gañador deste mesmo concurso no ano 68, coa obra A galiña azul, unha galiña diferente non só na cor, senón tamén en que fai cocorocó, e por iso o malísimo Manolito Listón quere matala. Toda a vila a xeito de Gamonal se une entón para salvar a galiña azul. Bonito, non?
Etiquetas:
A galiña azul,
Carlos Casares,
concursos,
O Facho
18/12/13
BO NADAL TAMÉN NAS INDIAS
A
anaconda-güió ten paciencia infinita. Se ole becerro á beira do río, bótase a
durmir tranquila. Na punta do rabo ten un cono invertido, groso, un funil
duro que serve para atar. A serpe procura unha raíz no fondo, dálle unha volta
ao rabo e ata forte. Despois agarda e dorme. O becerro ha ter sede algún día. O
facendeiro vacía toros de pau e pon sal aquí e acolá. Ao becerro
novo gústalle lamber o sal. Logo bebe, bebe, bebe. A güió sábeo. Cando o
becerro entra no lameiro vai desconfiado. A primeira vez a serpe non se move. O
tempo vai dando confianza. Un día o
becerro entérrase na lama e vai saíndo pausado, lento, tranquilo. Aí é
cando a güió vén pouquiño a pouco
esvarando no fondo, desde atrás, no lusco e fusco do serán. O becerro non se
apercibe de nada. De súpeto, sente a corda da forca no pescozo: é a anaconda-
güió. Dá unha volta á gorxa do animal e crava os dentes feros no fuciño, nas
mesmas fontes do respiro. O becerro apavorado turra de si sen folgos. A
serpe estira ata facerse delgada coma un fío. O becerro empurra para diante.
Brúa. Volve atrás. A serpe encolle como goma mol. Horas de estira e encolle ata
que o becerro mete o belfo no
fango. A anaconda envolve, envolve, envolve. E tritura. Quebra óso a óso.
Despois engole o animal enteiro. Sen présa. O tempo non conta. Xa mo dicía
Vicente Anzola, o compañeiro: reloxo na selva é tempo perdido.
A. Avilés de Taramancos, Nova crónica das Indias
Hoxe volvín traballar con este texto. Había xa un tempo que non botaba man del e ocorréuseme presentárvolo como un agasallo. Case me dá a risa, porque, a verdade moi navideño non é, pero éme igual. Haberaos máis adecuados, non teño dúbida, pero non terán nin a súa maxia nin a súa fermosura.
Que os reloxos sexan para todos vós tempo perdido neste nadal!
Etiquetas:
Avilés de Taramancos,
Nova Crónica dasIndias.
28/11/13
A PEDRA DO TANGARAÑO
| De panoramio.com |
A Concellería de Educación do Concello de Ourense vén de convocar o II Certame de Microrrelato On Line, certame que o noso compañeiro Álvaro Glez Leiro gañou na súa primeira edición. As bases podédelas consultar en Camiño longo. Alí veredes que o tema deste ano son as lendas e supersticións de Galicia.
Eu gustaría de ler un relato inspirado na pedra do Tangaraño. Cada vez que alguén a menciona sinto remorsos e lembro a avoa María. Ela era de Pazos, lugar moi próximo á pedra. Moitas veces me contou como a nai a obrigaba de mociña a ir ao penedo, e aínda que eran catro irmás, só ela, polo seu nome, era a enviada. E a mociña María agochábase en mil sitios, pero sempre acababa tendo que ir. Nos meus 16 anos era un castigo escoitala e incluso me parecía que xa se lle ía algo a cabeza, cando lle oía algunhas cousas. Como lamento, tantos anos despois, non ter valorado canto me contou!
A avoa vía o seu nome como unha desgraza, porque as Marías que ían ao Tangaraño collían sona de bruxas, os mozos non lles falaban no baile e adoitaban quedar solteiras. E ela quería casar. E casou, e mesmo tivo antes certos amores, pero aí si lle vou gardar o segredo.
Tres Marías, un caldeiro de cinc novo cheo de pez e roupiña tamén nova para o neno era o necesario no ritual de desentangarañar o meniño que non medraba. A roupa que levaba posta metíase na pez e aparecía a figura do animal ou persoa que o entangarañara.
Estiven ben veces en Cova de Lobo, pero nunca baixei ao Tangaraño. Sei máis ou menos por onde estaba o carreiro, mais non sei chegar e os que poderían guiarme xa non están comigo. Gustaríame poder crer que agora me levan da man por outros camiños.
Etiquetas:
concursos,
microrrelato,
supersticións,
tangaraño
25/10/13
MARÍA PÉREZ, A BALTEIRA
Alguén estes días mostrou certo interese pola figura de María Balteira. Realmente é das poucas mulleres con nome propio que se menciona, cando falamos de lírica galego-portuguesa e é desde logo a máis afamada. ( A virxe non conta, supoño)
Gustoume esa vosa curiosidade, porque é certo que o poder de sedución desta muller chega aos nosos días. Vede se non os fermosos versos de Uxío Novoneyra.
i entre tódalas soldadeiras sóla ti María a Balteira
belida dos dados donda da danza a primeira
belida dos dados donda da danza a primeira
María Péres, a Balteira, non foi a rapaciña inocente, protagonista das cantigas de amigo nin a senhor altiva, protagonista da cantiga de amor. Foi unha muller de carne e óso que viviu como quixo, que non se dobregou ante o que para ela se pedía: ser esposa ou freira. Só temeu a vellez, o inferno e a morte. Curiosa personaxe!
As noticias que temos da máis sonada das soldadeiras medievais véñennos das cantigas de escarnio. Aí é pintada como prostituta de clientela varia, xogadora de dados, propagadora de doenzas venéreas, supersticiosa e medio bruxa.
Sábese que esta soldadeira nacida perto de Betanzos frecuentou as cortes de Fernando III e de Afonso X. Sábese tamén que mantivo relación con Pedro Amigo de Sevilla e Pedro D'Ambroa betanceiros coma ela.
E somus mal enganadus
todos d'esta merchandía
e nunca himus vingadus
Mays mande Santa María
que prenda hy mal joguete
o d'Ambroa que a fode.
E ela porque promete
cono, poy-lo dar non pode?
Vaasco Pérez Pardal
Hai datos que testemuñan que pertencía á baixa nobreza e que cedeu a herdanza recibida da nai aos monxes cistercienses de Sobrado, o que unido a outros favores prestados aos frades, lle aseguraría á soldadeira unha renda vitalicia.
Parece que foi así mesmo a unha cruzada a Ultramar (non se sabe se unicamente con fin relixioso), o caso é que tal viaxe a fixo albo dos escarnios de Pero da Ponte.
Maria Pérez, a nossa cruzada
quando veo da terra d'Ultramar,
assi veo de perdon carregada
que se non podia con el en erguer,
mais furtan-lho, cada u vai maer,
e do perdon já non lhi ficou nada.
Ata se di que tivo trato con mouros, por encargo de Afonso X. Co paso dos anos perde beleza e gaña medo á morte e piedade relixiosa, sobrevivindo como alcaiota e como unha vítima máis do sexismo de tantas épocas.
22/9/13
MORADIÑA PARA O MÁIS ALÁ
Poucos metros, pero todos habitables. Soleado. Espléndidas vistas.
Ultimamente vemos con acostumada indiferenza estes rótulos en inmobles de todo tipo. Talvez sexa a primeira vez que os vedes nesta singular propiedade e mesmo haberá quen sinta calafríos no corazón ante a imaxe. Ben é certo que isto se pode interpretar como un dos múltiples efectos da crise económica, pero eu prefiro velo como unha mostra dese carácter eminentemente práctico do home galego que se manifesta tamén ante a morte. Aquí tradicionalmente atuamos a morte, nunca se agochou nin se evitou falar dela. Se a máxima aspiración dun pai era deixarlles aos fillos casa para a vida e para a morte, por que non pór no mercado ambas se se precisa?
Quen estea interesado e queira máis detalles deberá visitar unha parroquia perto de Ourense, á beira do Miño e cunha fermosa igrexa que no século XIII xa foi mencionada nunha cantiga de romaría.
19/7/13
SCIENCE FICTION I
Saramago poeta. Un posible refuxio para os que están na conca do Miño prisioneiros dun verán que segundo algunhas previsións non ía ser moi bo. Así son as cousas.
SCIENCE FICTION I
Talvez o noso
mundo se convexe
na matriz positiva doutra esfera.
na matriz positiva doutra esfera.
Talvez no interespazo
que media
se permuten
segredas migracións.
Talvez a
cotovia, cando sobe,
outros niños
procure, ou outro sol.
Talvez a cerva
branca do meu soño
do cóncavo rabaño
se perdese.
Talvez do eco
dun distante canto
nacese a poesía
que facemos.
Talvez só amor
sexa o que temos,
talvez a nosa
coroa, o noso manto.
| De flickriver.com |
Afortunada cotovía!
1/7/13
XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO. LETRAS GALEGAS 2014
| De lamujerforzuda.wordpress.com |
No 2014 homenaxearemos a Xosé Mª Díaz Castro (Guitiriz, 1914 - Lugo, 1990), un poeta da chamada "Xeración do 36".
Díaz Castro insírese na poética paisaxística, de longa tradición na nosa literatura. Publicou un único libro, Nimbos (1961), nel podemos atopar o poema "Penélope", presenza obrigada en calquera antoloxía da poesía galega. Remítovos a Camiño longo.
Terra, paisaxe e relixiosidade son os piares da súa poesía. Nela, luz e tebras enfróntanse constantemente, algo que podedes apreciar moi ben nestes versos que tamén choran con nostalxia o paso do tempo.
Nimbos
Se é que o poema é só un nimbo de lus
que os ollos cegos póñenlles ás cousas
soñadas, ou amadas nas teebras,
das cousas que xa foron e se foron
pro siguen sendo e non se van xa máis,
das sombras que, xogando cos meus ollos,
na miña vida en lume se enxeriron,
eu deixo eiquí os nimbos, coma cinza
de rosas que onte encheron de perfume
| castelo de Parga, no concello de Guitiriz |
Suscribirse a:
Entradas (Atom)






