1/7/13

XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO. LETRAS GALEGAS 2014



De lamujerforzuda.wordpress.com

No 2014 homenaxearemos a Xosé Mª Díaz Castro (Guitiriz, 1914 - Lugo, 1990), un poeta da chamada "Xeración do 36". 
Díaz Castro insírese na poética paisaxística, de longa tradición na nosa literatura. Publicou un único libro, Nimbos (1961), nel podemos atopar o poema "Penélope", presenza obrigada en calquera antoloxía da poesía galega. Remítovos a Camiño longo


Terra, paisaxe e relixiosidade son os piares da súa poesía. Nela, luz e tebras enfróntanse constantemente, algo que podedes apreciar moi ben nestes versos que tamén choran con nostalxia o paso do tempo.

Nimbos
Se é que o poema é só un nimbo de lus

que os ollos cegos póñenlles ás cousas

soñadas, ou amadas nas teebras,



das cousas que xa foron e se foron

pro siguen sendo e non se van xa máis,

das sombras que, xogando cos meus ollos,

na  miña vida en lume se enxeriron,



eu deixo eiquí os nimbos, coma cinza

de rosas que onte encheron de perfume


castelo de Parga, no concello de Guitiriz


20/6/13

VIDAL BOLAÑO PARA TODOS E TODAS





Alguén me ensinou hai xa días unha pequenísima aula onde están alumnos con necesidades específicas de apoio educativo. Mostráronme uns debuxos e uns textos sobre Vidal Bolaño. Ata aquí parecía unha actividade máis das que se celebraron no noso centro, en homenaxe ao actor-dramaturgo. Seguramente xa seguistes a Marina.




Pensei que aquilo fora un traballo de Belén, a profesora destes alumnos. Nas fotografías non  o podedes apreciar ben, pero todo ten relevo, para que Melanie, unha alumna invidente puidese coma os demais coñecer o rostro de Vidal Bolaño e facerse con esa imaxe tan característica del, co seu nariz vermello. Aquí coa fita rugosa ela segue o nome do escritor e pode facerse unha idea da disposición que ten cada cousa no panel.




Pero eu estaba equivocada, Belén, o que tivo, foi unha idea marabillosa: uns explicarían aos outros o personaxe. Todos foron mestres, e Laura e Melanie, con máis dificultades cós demais, coñeceron da man dos seus compañeiros a Vidal Bolaño. 



Emocionoume a idea e quero dar  os meus parabéns a Belén e, en especial, a Ana de 1º E, ela, con trazo groso e avultado, fixo este debuxo que as mans de Melanie acariñaron. Haberá máis fermosa homenaxe?

27/5/13

NEGREIRA - OURENSE E OURENSE - NEGREIRA






Ourense, que acostuma máis ben a abafar de calor os seus visitantes, mollou, e ben mollados, os nosos amigos de Negreira que nos visitaron a principios de maio. Por suposto a nós tamén, que non distingue propios de estraños.




Ignacio e Daniel recolleron por escrito as súas impresións dese día en que a climatoloxía nos foi tan adversa.






Un luns de principios de maio produciuse a primeira parte do intercambio entre Negreira e Ourense no que participaban o IES Blanco Amor e o IES Xulián Magariños.
O primeiro encontro cos rapaces de Negreira pareceunos un pouco distante, xa que só os coñeciamos de manter algunha que outra conversa mediante algunha rede social. Este encontro produciuse na ponte romana e dende aí partimos cara ao Campo da Feira. Neste percorrido déronse os primeiro acercamentos entre os rapaces e rapazas de ambos os institutos.
No Campo da Feira comemos o bocadillo nun sitio cuberto con mesas e bancos. Cando acabamos de comer uns rapaces comezaron  a falar, outros xogaban ás cartas ou ao balón, mentres agardabamos que acabasen de comer as profesoras. Cando elas chegaron, comezamos a ruta cara ás termas, uns en bus e outros camiñando baixo a chuvia.
Ao chegarmos a Outariz houbo quen se meteu na auga quente e houbo quen quedou á recollida debaixo da ponte. De volta ao instituto xogamos os partidos de fútbol, que gañaron eles, cunha controvertida arbitraxe. 
Entregóuselles o trofeo e despedímonos con bo sabor de boca e un ata pronto.
 
Seguidamente, Carla e Marina cóntannos como foi a nosa viaxe a Negreira. As fotos que ilustran esta parte do intercambio non llas collemos emprestadas ao Sr. Google, cousa que adoitamos facer e fixemos, nestas dúas de Ourense. Non, estas son nosas, ben, nosas non exactamente, senón de Laura Araújo, pero ela, sempre xenerosa para todo, déixanos poñer que son nosas.



O martes 21 de maio fomos a Negreira. Xa na viaxe de autobús o pasamos ben. Ao chegar, o primeiro sitio ao que nos levaron foi á fábrica de leite Feiraco. Alí explicáronnos un pouco o funcionamento e deixáronnos ver como traballaban algunhas máquinas que envasaban o leite e o gardaban en caixas. Logo asistimos a unha pequena charla sobre o que acababamos de ver e contáronnos a historia da fundación de Feiraco. Ao acabar déronnos batidos e marcapáxinas. A maioría de nós nunca estivera nunhas instalacións deste tipo, así que foi unha boa experiencia.
Despois leváronnos a Ponte Maceira, cunha ponte que se pode relacionar coa nosa ponte romana. A verdade é que era un sitio moi bonito, no que o director do IES  de Negreira, que é historiador, nos explicou cousas sobre o lugar.
Máis tarde leváronnos ao instituto, onde puidemos saudar os compañeiros e tomamos uns bocadillos. Fomos logo ao concello, alí coñecemos o alcalde, ensináronnos as instalacións e agasalláronnos cunha bolsiña con información turística, xa que nestes tempos de crise é o único que nos podían ofrecer. Despois xa fomos comer cos de Negreira ao Auditorio e ao rematar tivemos algo de tempo libre para falar con eles e sacar algunhas fotos. 
E chegou a hora de camiñar, bastante por certo, a un lugar chamado "Refuxio de Covas" e ao chegar, tivemos tamén algo de tempo para falar. Ao regresar ao instituto comezaron os partidos de brilé e fútbol, que gañamos esta vez, déronnos unhas copas e chegou a hora da despedida con bicos e abrazos e de novo ao bus camiño de Ourense. Foi unha boa experiencia , pasámolo todos ben.




Non queremos deixar de dar as grazas a todos os profesores implicados nesta actividade, dun e doutro instituto, á guía de Ourense, e moi especialmente á xente de Negreira que tan ben nos trata sempre que imos alá.



25/4/13

OLLANDO AOS NOSOS ARTISTAS


Lenzo de Xaime Quessada

Parabéns! O noso compañeiro Álvaro González Leiro de 3º ESO C foi o gañador na súa categoría do I Certame de Microrrelato on line: Ollando os nosos artistas.


Caricatura de Vicente Risco




O seu texto  homenaxeaba a obra de Vicente Risco O lobo da xente, sabemos que isto era o que Álvaro tiña en mente, pero alén diso a licantropía inspirou a máis artistas ourensáns, lembremos Romasanta  de Alfredo Conde





Os textos gañadores nas distintas categorías foron seleccionados polo escritor Francisco Fdez Naval e os premios seranlles entregados aos gañadores nun acto no Museo Municipal o próximo 13 de maio. Reiteramos as felicitacións e aquí vos deixamos o texto gañador na categoría de ESO e ESPO.





O LOBO NA XENTE

Escuridade. Non vexo nada… recordo o punto branco na noite… e logo escuridade. Onde estou? Estou morto? Estou vivo? Non podo moverme. Aboio na escuridade. Será esta a miña besta? O lobo… O salvaxe instinto animal que en todos se atopa. Os nosos máis ocultos segredos… Pecados de avaricia, luxuria, envexa… Bestas no interior, lobos na xente. Desexos sinistros da sociedade, da mente colectiva. O que todos desexan e non realizan. O lobo… El non ten control, revela os nosos segredos. Realízaos. Toda a xente ten un lobo. A besta. O instinto. O desexo… Ten o control do corpo, desencadéao á noite. A ambición. O lobo na xente.


ÁLVARO GONZÁLEZ LEIRO, 3ºESO C
IES BLANCO AMOR



23/3/13

O CORAZÓN DE XÚPITER




Novo libro para 3º de ESO, esta vez de Ledicia Costas, e novos temas que se resumen en definitiva nun: adolescencia; pero adolescencia vista dende todas ou case todas as súas caras. Poucas cousas quedan fóra: as difíciles relacións cos adultos e tamén entre vós mesmos, ás veces; a dor, a homosexualidade, as afeccións, as noites de festa, as novas formas de relación a través da rede...

Confío en que será algo máis que o libro de lectura obrigatoria da 3ª avaliación. Xa me iredes 
contando.


17/3/13

NEGREIRA. O NOSO INTERCAMBIO





Un ano máis está previsto que o noso instituto faga un intercambio co IES Xulián Magariños de Negreira. Nós somos os primeiros en ir, así que é ben irse informando un pouco sobre esta vila.



Teño pasado por fóra de Negreira algunhas veces, de camiño á Costa da Morte, pero a verdade é que a penas parei nela. Si sucumbín varias ao encanto da aldea de  Ponte Maceira, con fermosa ponte medieval sobre o río Tambre.







Non sei que nos mostrarán os nosos compañeiros negreireses,  pero aquí quedan algunhas imaxes por cortesía do Google. A razón da estatua de Santiago é porque esta vila está no camiño xacobeo a Fisterra.



 
  Pazo de Cotón

Igrexa de San Pedro de Gonte








Mesmo ten, como vedes, curiosos monumentos. Só nos queda pedir que o tempo axude na nosa visita



8/3/13

DIA DA MULLER

De Literalingua




María das batallas,
levareiche unha frol por cada bala;
i unha cunca de leite
arrebuxada en neve
pra che curar a sede.
¡Sede mortal, varona, a desta patria:
queima no peito con ardente brasa!











Hoxe non teño moito tempo, só quero darvos as grazas por colaborardes nas actividades do Día da Muller.

Cos versos de Lorenzo Varela e o gravado de Seoane reivindicamos as mulleres que perderon mil batallas sen perder a dignidade.