27/12/12

CONTRA O MALTRATO





O pasado 25 de novembro foi o Día Mundial contra a violencia de xénero. Con este motivo a oficina de Igualdade do Concello de Lalín convocou un certame para mover á reflexión sobre este tema. Nós participamos no seu momento con algúns textos, pero non queremos que os vexades como un simple exercicio literario colocado aquí a destempo; son a nosa visión dun problema social que está connosco no día a día.




Non lle vou enviar un cordial saúdo, non o merece. Ela non é menos ca vostede nin menos ca ninguén. Seica cando naceu lle preguntaron que quería ser, se home ou muller. E vostede, cheo de razón, repondeu: “Home, que é superior en todos os sentidos”. Resáltolle, por se acaso non a viu, a ironía nas palabras anteriores.

Cando vostede lle levanta a man, ela tenlle medo, noxo, desprezo. Faina sufrir a cambio de crecerse un pouco e de subir a súa autoestima un chanzo máis, o que vén sendo, a cambio de nada. Grazas a vostede a xente míraa con lástima ás veces; pola súa culpa tivo que consolar os pequenos cando ela estaba peor, tivo que tapar as feridas con maquillaxe e as doenzas que lle provocaba con alegrías falsas.

Saiba vostede que para facer un aloumiño non é necesario aplicar tanta forza e é preciso que saiba tamén que o resultados disto non deben ser choros. Esa persoa á que vostede insulta e menospreza realiza un traballo tan digno coma o seu, os seus esforzos merecen tamén recompensas. Os dereitos non son distintos para homes e mulleres, non o esqueza.

Iria Álvarez (3º ESO C)



Non estimado maltratador:

Empezo supoñendo que vostede ten varias caras que van aparecendo á medida que vai coñecendo a súa vítima, pero estou segura de que só unha é a real: a satisfacción de ver a impotencia por non poder defenderse, e o medo, no rostro da muller que  maltrata.
Do que si estou segura é de que vostede goza co sufrimento, non só da súa vítima, senón tamén co da súa familia, tanto a dela como a súa, por que creo que debería ter en conta que isto sempre se sabe. A violencia pode verse, pode sentirse…
É certo que moita xente fai que non a ve, outra realmente non a ve, os menos, e outra axuda a combatela; pero nunca é suficiente, porque cada vez que se axuda a alguén, sempre aparece outro coma vostede que volver empezar o horror.
Quero que saiba o que pode sentir unha muller cando a maltratan. O primeiro é medo, medo a vostede, ao que pensen os demais cando se enteren, medo a ter que ocultárllelo aos pais ou a non ter a súa axuda, medo a denunciar, medo a quedar embarazada e non dar protexido o fillo, medo a morrer sen loitar, medo a que non a crean… e podería continuar.
Despois, a impotencia; impotencia de non ser quen de defenderse, de non saber que facer…
As miñas preguntas son: É isto necesario? Ten algunha razón para facelo? Que gaña?
A última pregunta podo respondela eu mesma: NADA.
Non espero a súa resposta, só pretendo que reflexione, que pense no que fai e deixe de facelo.


Lara Muñoz (3º ESO C)

politikha.blogspot.com



A: Director da Sucursal C da Empresa Globaplux.
De: Diana Paz Andrade.

Escríbolle esta carta para comunicarlle a miña dimisión. Vostede debería saber cales foron as razóns que motivan que eu abandone este traballo que, segundo vostede, “ catapultaría a miña carreira”; aínda así voullas expor.
Tras asinar o meu contrato, pasei a formar parte do equipo de asesores de finanzas da sucursal, equipo no que eu era a única muller. O traballo parecía estable e o soldo interesante, pero xa o primeiro día souben que algo ía mal. Durante a miña presentación ao grupo de asesores co que ía traballar, deime de conta de que a maioría dos integrantes me miraban con incredulidade, despois descubrín miradas coma de desexo. Sentinme cohibida, pero deixeino pasar e comecei a traballar con eles. Pronto apareceron os problemas, todas as miñas opinións ou ideas eran rexeitadas ou tratadas con condescendencia. Vinme obrigada a calar, mentres un fato de ineptos facían coma quen que traballaban sen deixar de mirarme.
Tras aquela experiencia resolvín presentar ante vostede unha queixa formal e a resposta que obtiven foi:” Iso non é nada, muller!  Ande, tranqulícese e lévelles un café aos rapaces do seu grupo, que seguro que andan cansos”.
Sentinme tan humillada que abandonei o edificio rápidamente, tiven, iso si, a tentación de pasar por onda os meus compañeiros primeiramente a levarlles eses cafés e tirárllelos á cabeza.
Saiba tamén que a empresa está denunciada e que espero velo, pero nos tribunais.

 Luis Valencia (3º ESO C)


De cuatro paredes



A ti:
Non podo máis! Acabaches con cinco anos da miña vida, non podo seguir aguantando. Dende que te coñezo cambiaches moitísimo, non es o mesmo, es malo, fas dano a quen está ao teu lado. Por que? Que pasou? Eu a pesar de todo quérote, pero non podo seguir ao teu carón máis tempo, non podo darche máis oportunidades se todos os días te volves converter nese monstro que non pensa, que non sente. A miña familia está demasiado preocupada, están dispostos a recorrer á policía.
Se ti queres que volva, déixao, déixao, sei que iso che afecta, esa merda cambioute, haberá máis razóns, pero esa é a principal.  Por que empezaches? Non me querías? Estabas acaso deprimido? Dimo, sei que podes volver ser o rapaz doce de corazón grande.
Con todo, non tiñas dereito a facerme dano, xa van catro ingresos hospitalarios, preciso ademais de axuda psicolóxica, todo por culpa diso que te metes. A túa familia e os teus amigos acabaranse afastando, quedarás só. Leti está triste, non te recoñece, non sabe case quen é o seu pai; os únicos recordos que terá de ti serán gritos, discusións, portazos, golpes, choros, insultos… Ela quérete, es seu pai, quere estar contigo, pero xa ves, non podes vela, nin sequera acercártelle, é o que consegues. Por favor, sae desa burbulla, dáte conta do que acontece.
Recordas aqueles momentos bonitos, eras delicado, amable, cariñoso, romántico, tiñamos un fermoso futuro xuntos, unha familia, ese era o noso soño. Nunca imaxinei que chegases a isto, non, aínda non o creo! Quizais aguantei tanto porque pensei que volverías, que só sería unha mala época, mala sorte no traballo, a economía, a crise… Pero non sei, non estou segura de nada, se queres que volva tes que facer algo, hai moitos lugares onde che poden axudar.
Espero que te perdoes.    

 María Núñez (3º ESO C)

unahistoriacualquieradeverdadblogspot.com



Vostede:

Algunha vez sentiu medo? Non medo  a unha serpe, medo á persoa coa que compartes unha vida, a que todos os días ves nada máis levantarte. As persoas teñen medo aos ladróns, aos asasinos, pero eses non se ven todos os días, non viven na túa casa.

Refírome ao medo que se sente ao non poder expresarse, a aceptar a escravitude para non sufrir,  á obriga de calar a boca, de obedecer, de non poder opinar; de pór escusas e ter que mentir, “Caín polas escaleiras”.

Por que? Por que ten que haber xente que pase por iso todos os días? E nós, cunha vida normal, non nos damos de conta de que centos de mulleres están nas súas casas aterradas.

A resposta é sinxela, porque persoas coma vostede, por enriba de todo ser humano, goza sentíndose alto, forte, arriba. Estar arriba non é mandar e que obedezan de seguido por medo. De igual xeito que un pobo non se goberna pola ameaza, tampouco as persoas. E principalmente, a muller non se goberna, ela ten os mesmos dereitos ca vostede e non ten por que soportar que o home ao que quixo un día a faga pasar por iso. Non quere vela sorrir? Non quere que sexa feliz ao seu lado? Pois así non o consegue, só a fai máis infeliz e máis débil.
 
Marina Pardo de Andrade (3º ESO C)






14/12/12

RECITANDOCELSOEMILIO. VIDEOCLIP



Os técnicos traballaron arreo e xa circula pola rede o noso videoclip.  Aí estamos todos,  a contrarreloxo; era a fase final, ademais sempre hai algo que se atranca, pero obxectivo conseguido, o poema de Celso Emilio puido oírse no polideportivo do Blanco Amor.



13/12/12

RECITANDO A CELSO EMILIO


O 12/12/12 sumámonos como tanta outra xente á proposta da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística de render homenaxe a Celso Emilio Ferreiro cun recitado colectivo de "Deitado frente ao mar"
Algúns de nós xa traballaramos con este poema e con outros textos do autor, o curso pasado. Esta será a nosa derradeira actividade para conmemorar o seu ano.
A preparación foi un pouco atropelada, primeiramente foi a parte artística: cada palabra do poema, decorada, encheu a súa cartolina, miles de cores para o poeta de Celanova. Verdadeiras obras de arte algunhas!
Despois viñeron os ensaios do recitado, precisamente no día que máis frío ía e nós sen calefacción... Pero, fómonos entusiasmando e algún ata tirou a chaqueta cara ao final do ensaio. 
 Chegou a data, algunha confesaba sen pudor os seus nervios despois de recibir un curso acelerado de como gravar. Había que preparar o decorado, tamén a toda présa,  e por fin! Houbo algún problema técnico a maiores, o sitio talvez non foi o adecuado pero aí está o resultado. 
Sentímonos orgullosos de formar parte desta iniciativa, de ser un máis dos moitos centros que se uniron ao acto de defensa  e afirmación da nosa lingua.
Grazas a todo o Blanco Amor: 1º ESO A, B, D, E; 2º ESO A, B, C, D, E; 3º ESO A, C, D; 4º ESO D, profesores e profesoras do Dpto de L. Galega, Pilar de Plástica, Avelina e Ramón. Sen o voso esforzo e entusiasmo nada sería posible. (Prometín citarvos a todos, espero que non me esquecera ninguén)
O videoclip está en posprodución, poderédelo ver pronto en YouTube.

26/11/12

"OLLANDO OS NOSOS ARTISTAS"

Xaime  quessada

Por se a algún de vós lle anda estes días facendo as beiras a inspiración quero deixarvos un par de ligazóns que vos poidan servir de axuda na confección do voso microrrelato. Artistas na nosa cidade non faltan e non quixera nin limitarvos nin encarreirarvos cara a ningún lado na vosa escolla. Ofrezo simples suxestións.

A Venus do Miño de Acisclo Manzano


Para escritores e escultores xa ten un marabilloso traballo para vós Marina, no seu Camiño longo. A min deixoume a pintura, sabedora das miñas afeccións.Como índice dos nosos pintores tomade esta páxina.

Virxilio

Se  estades xa decididos por un artista plástico, é interesante que vexades a colección de arte desta fundación.

Non quero deixar de facer mención á mostra gráfica que da  cidade de Ourense  nos deixou un paisano noso desaparecido hai pouco, Marcos Valcárcel. Aí teredes todo un manancial do que beber. Todas estas imaxes foron tiradas do seu blog. Unha vez máis grazas, Marcos. 

Autorretrato, David Rubín.

14/11/12

CONCURSO DE MICRORRELATOS

"Vendo zapatos de bebé sen usar"

Sempre me resultou arrepiante este microrrelato de Hemingway, mesmo antes de nacer o meu fillo. Para min encerra todo un drama en seis palabras. Son consciente de que se presta a múltiples interpretacións, ata  foi o punto de partida a un concurso literario  nos EE UU. É por iso que o escollín para anunciarvos o que convoca a Concellería de Educación do Concello de Ourense. Aquí vos deixo as bases.

Como vedes nestas bases, temos que "ollar os nosos artistas" nun microrrelato. Artistas na nosa cidade houbo, hai e haberá moitos e tamén son múltiples as maneiras de  os ollar, simplemente escollede unha.

De redescubreacidadevella.com

Este ano parece que andamos todos un bocadiño enleados con outras cousas e xa non temos tanto tempo para lle adicar á creación, pero hai que recuperar iso. Lembrades os nosos tautogramas do curso pasado? Avivade a vosa memoria con este de Luisa Valenzuela. 


Palabras Parcas.

Abelardo, Arsaín, astuto abogado argentino, asesino agudo, apuesto, ágil aerobista acicalado. Atento. Amable. Amigo asiduo, afectuoso, acechante. Ambicioso. Amante ardiente, arrecho. Autoritario. Abrazos asfixiantes, ansiosos, asustados. Aluvión apagado, artefacto ablandado, apocado. Agravado. Altamente agresivo, al acecho. Abelardo Arsaín. Arma al alcance, arremete artero, ataca arrabiado, asesina. Atrapado. Absuelto: autodefensa. ¡Ay! 
 

De Aterrorizar.com


  

Ánimo aos  meus artistas. 

5/10/12

"A TRISTEZA NON REMATARÁ XAMAIS". Aproximación á figura de van Gogh

Este curso en 3º de ESO temos como lectura da 1ª avaliación O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro, novela histórica que xira en torno á figura de Vincent van Gogh. Hai  sobre esta  obra traballos moi interesantes na rede. Vede por exemplo o de  Revolta da freixa ou o de Montse Pena.
Nós só imos deixar unha pequena anotación biográfica achegándovos a figura deste afamado pintor, unha personalide sensíbel e apaixonada ata os extremos, que proxectaba esta paixón sobre  calquera empresa que emprendía xa fose amorosa, artística ou solidaria: "Para el só había dúas cousas que pagaran a pena nesta vida miserenta: a humanidade e a arte.. A arte era o que el amaba por enriba de todo.. e o que o fará vivir de novo e ficar connosco para sempre" (p. 172). A súa vida foi unha acumulación de fracasos no persoal e no profesional, só a historia lle restituíu o lugar que lle correspondía como representante do impresionismo e como precursor de tendencias  de inicios do século XX como o fauvismo ou o expresionismo. "Eu vira pintores en París... que eran todo calma e cerimonia cando pintaban. Este non cumpría con tales procederes; semellaba que mantivese unha loita desesperada co lenzo" (p. 20)





Autorretrato con sombreiro de feltro, 1887

VINCENT VAN GOGH

(Países Baixos, 1853 – Auvers-sur-Oise, 1890)

Era o máis vello dos seis fillos dun pastor protestante. A pesar de que só se dedicou á pintura nos últimos dez anos da súa vida, é un dos pintores máis famosos de todos os tempos. Nesa década pintou máis de 800 cadros e máis de 1000 debuxos, acuarelas e litografías. É un dos máximos representantes do postimpresionismo. Curioso é tamén que en vida só vendeu un cadro.

Dende moi novo desenvolve unha relación especial co seu irmán Theo que será o seu  apoio emocional e económico sempre.

Antes de entregarse totalmente á pintura traballou na Haia nunha empresa adicada ao negocio das obras de arte e que fora fundada por un tío seu.

O seu carácter difícil explica os sucesivos traslados no negocio: Bruxelas, Londres e París. En Londres produciuse a súa primeira crise psíquica motivada polo rexeitamento da filla da patroa da casa na que vivía, Úrsula Layer, de quen se namorara perdidamente. Este será o primeiro de varios fracasos amorosos. En Londres tamén se sitúa o inicio da súa etapa como creador. A deterioración física e psíquica foi tal que foi trasladado á oficina de París por un período de tres meses.

En 1879 sentiu repentinamente a vocación relixiosa e converteuse en misioneiro evanxelista na comarca mineira de Borinage, en Bélxica. A vida de miseria e a falta de sono por pasar as noites coidando os enfermos fixeron que enfermase. Seu pai levouno para a casa e a partir deste momento a pintura será a súa verdadeira paixón. "- Un devanceiro meu chegou a bispo e houbo un tempo en que  eu mesmo prediquei a palabra de Deus entre uns coitados mineiros."  (p.62)
 
É un pintor autodidacta, poucas leccións de pintura recibiu, aprendeu visitando museos, escoitando consellos de amigos artistas e sobre todo adicándose por enteiro á pintura.

Despois dun breve paso por Bruxelas, en 1881 Vincent regresa á casa paterna, alí sofre outro desengano amoroso ao ser rexeitado pola súa curmá Kee Vos, o que o leva a queimar incluso unha man.
En 1885 morre seu pai dun infarto, neste momento pintou a que é considerada a súa primeira obra, Os comedores de patacas.


  
Posteriormente trasladarase a París onde coñecerá a Toulouse-Lautrec, Pissarro e Gaugin, a quen admirará profundamente; nesta etapa a súa pintura adquirá os rasgos definitorios.
En 1888 instálase no sur de Francia, en Arles, alí alugará a famosa "casa amarela", á que invitou a artistas admirados por el e onde Gaugin pasaría dous meses. Mentres preparaba a chegaba do seu amigo decorou toda a casa con xirasoles.

 A casa amarela, 1888
Pero a convivencia entre ambos os pintores tórnase imposíbel, Vincent bebe demasiado e as crises sucédense. O 23 de decembro dese ano discuten e Van Gogh ameaza a Gaugin cunha navalla de afeitar. Este, asustado, marcha a un hotel e Vincent, arrepentido, decide cortar o lóbulo da orella dereita e faillo chegar a Gaugin en sinal de arrepentimento.


Autorretrato con orella cortada, 1888
No 1890 volve ser internado. Hai varias teorías sobre cal sería a súa doenza pero crese que o máis probábel é que fose algo de tipo conxénito (varios dos irmáns de Vincent tiveron tamén problemas mentais), agravado polo seu problema de alcolismo.
No hospital recibe a noticia de que seu irmán vai ser pai e que el será o padriño da criatura, algo que o enche de emoción, pero algo así non consegue tiralo do seu estado de depresión e melancolía. En maio traládase a París para visitar a seu irmán e por consello deste viaxa tres días despois a Auvers-sur-Oise, onde foi sometido a un tratamento polo doutor e pintor afeccionado, Paul Gachet. Nesta aldea pintou máis de 800 cadros e o seu estilo evoluíu cara unha pintura  máis expresiva de formas imprecisas e cores brillantes.

Dous meses máis tarde, e aínda que o doutor pensa que está curado, o seu ánimo non mellora, agóbiase polo seu fracaso persoal e por ser unha carga para seu irmán. Nesta situación de angustia o 27 de xullo de 1890 dispárase un revólver e aínda que non morre inmediatamente,  acaba falecendo. Curiosamente Theo morre seis meses despois e os restos de ambos os irmáns repousan no cemiterio de Auvers-sur- Oise.
" -É inútil Theo, a tristeza non rematará xamais...
Falaron  en holandés e eu imaxinei que lembraban a infancia na parroquia do pai: as carreiras polo camposanto, a asistencia aos oficios, ir levantar patacas cos labregos, a  macabra descuberta daquela tumba co nome de Vincent gravado na pedra"  (p. 167)

Quizais o colofón máis axeitado para estas pequenas notas biográficas sexa un cadro; este é sen dúbida un dos máis coñecidos, A igrexa de Nosa Señora, ademais temos a inmensa sorte de que na novela, autor do lenzo e narrador conversan sobre el. Non haberá seguro mellor nin máis fermosa explicación.
  
"Vincent pasou o día perante a igrexa da Nosa Señora. Nada máis chegar deu varias voltas ao seu redor antes de deterse a contemplala, estudando devagar o campanario, a fachada, as cristaleiras e os rexos muros de pedra...
- ... azul profundo, cobalto puro, ultramar, violeta, laranxa...
- O que non entendo é por que pinta a igrexa pola traseira...
- Porque ás veces na traseira das cousas, como no interior das persoas, atópase o máis fermosos delas. Tendemos a quedarnos co aparente, co primeiro ollar, sen afondar, sen ir máis alá dos prexuízos do noso propio ollar...
Vincent pintaba agora perante a igrexa unha figura dunha paisana cunha estraña vestimenta...
- E iso?
...
- É unha pequena homenaxe.
- A quen?
- Á miña benquerida nai, Anna. Por iso leva touca, coma as labregas holandesas da miña mocidade, como se entrase agora na igrexa onde celebraba o finado do meu pai en Nuenen" (pp. 59, 60,61)